Partido Popular de Lugo

PP resalta os máis de 28.000 euros que destina o Goberno Galego para mellorar o acceso ao parque empresarial de Monterroso

Monterroso 23 de xuño de 2014.- Trala publicación esta mañá, no Diario Oficial de Galicia, dunhas axudas para habilitar e mellorar infraestruturas dos parques empresariais de Galicia e das que o Concello de Monterroso resulta beneficiado, a voceira do PP neste concello puxo en valor os 28.168,34 euros que destina o Goberno Galego para mellorar o acceso a parque empresarial monterrosino.

A popular afirmou que estas axudas teñen como finalidade renovar este tipo de infraestruturas e motivar o esforzo de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial.

“Con estas axudas a Consellería de Economía e Industria demostra o compromiso con este concello nesta materia e o seu afán de establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos de investimento en materia de infraestruturas, de instalacións e de servizos ás empresas”- resaltou Pilar Varela.

Lembrou a voceira municipal que os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial van tendo carencias de infraestruturas e necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.

Concluíu a popular resaltando o compromiso da Consellería de Industria con Monterroso, un departamento que considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á mellora das infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.