Partido Popular de Lugo

Os populares ratificaron hoxe en pleno o seu compromiso cos profesionais do mar e coa mellora do prezo que perciben

Lugo, 24 de xuño de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo ratificou hoxe en pleno o compromiso do PP cos profesionais do mar para que obteñan “uns mellores prezos e contribuír á sostenibilidade das flotas e dos recursos pesqueiros”.

O compromiso do Partido Popular manifestouse no voto a favor de que o Goberno galego tome medidas ante a remisión do borrador do Real Decreto que regula a primeira venda para impedir que esta se poida realizar nos Mercas. Neste senso, mentres os populares lembraron o apoio do seu grupo no Parlamento galego a unha proposta semellante; criticaron que na Cámara autonómica os socialistas se abstiveran.

Primeira venda nos Mercas

En relación ao borrador de Real Decreto polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros; os populares manifestaron que se “trata dun documento de traballo sometido ao debate e á consideración do sector, que pode e debe ser mellorado e enriquecido”.

Aos populares, matizaron, “non nos parece unha medida acertada o feito de introducir un novo actor na primeira venda, fóra das lonxas e fóra das zonas portuarias”. “Esta é a liña do Goberno galego, precisamente porque as alegacións feitas polo sector e, concretamente polas principais entidades pesqueiras da Mariña de Lugo, veñen nesta liña”.

A maiores, os populares manifestaron que o seu grupo coincide na necesidade de “actualización da normativa da primeira venda dos produtos pesqueiros, adecuando as súas condicións ás distintas normativas comunitarias”. Deste xeito, “estamos ante un reto obxectivo moi claro: que os profesionais da pesca obteñan uns mellores prezos e contribuír a sostenibilidade das flotas e dos recursos pesqueiros”.

Suba do IVE aos produtos pesqueiros

Os populares reiteraron durante a súa intervención a súa posición en contra á suba do IVE nos produtos pesqueiros que repercutiría negativamente no sector.

Dende o GPP explican que non comparten a proposta do informe de expertos, coñecido como Informe Lagares, e que, polo tanto, non se trata dunha proposta realizada polo Goberno central, que xa manifestou que non subiría este imposto.