Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba dá pasos para mellorar as vías de acceso ao polígono “cumprindo a palabra cos empresarios”

Vilalba, 4de abril de 2024. Os concelleiros do PP de Vilalba destacan a rápida resposta da Xunta para acometer traballos de conservación e mellora do firme na rotonda de acceso ao polígono de Vilalba e na vía LU-861 que comunica coa autovía A-8, “aproveitando as boas condicións meteorolóxicas”.

Deste xeito, a administración autonómica atende á demanda de renovar o pavimento de acceso ao polígono trasladada polo Grupo Municipal Popular trala reunión mantida con representantes da asociación de empresarios Sete Pontes. Nese sentido, os populares subliñan que “cumprimos coa nosa palabra e a Xunta está a acometer con celeridade as obras nas vías que son da súa competencia”.

Tendo en conta que nesta rotonda conflúen tamén vías de titularidade municipal e estatal, os concelleiros do PP urxen ao goberno do Concello e do Estado a “levar a cabo as melloras necesarias nas vías que completan o acceso a Vilalba e ao polígono industrial”.

A vía na que está a intervir a Xunta constitúe unha arteria importante para Vilalba ao comunicar tanto a vila coma o polígono coa autovía A-8, dando acceso diariamente a traballadores, veciños e visitantes.