Partido Popular de Lugo

Francisco Conde, Pedro Puy e Nodal respaldan os proxectos políticos en materia económica dos candidatos de Lourenzá e Palas de Rei

Lourenzá / Palas de Rei, 19 de maio de 2023. O vicepresidente do Partido Popular na provincia de Lugo e responsable de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, mostrou o seu apoio aos proxectos económicos dos candidatos de Lourenzá e de Palas de Rei, Roberto Díaz, e Pablo Taboada, respectivamente; iniciativas que están destinadas á creación de emprego e a revitalizar a economía de ambos os dous municipios.

O alcaldable laurentino, que estivo arroupado tamén polo voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, e do secretario xeral da formación popular na provincia, Javier Nodal, destacou que “o noso obxectivo é apostar pola creación de empresas e impulsar o tecido socioeconómico, acompañado do apoio ao turismo, pois o noso concello ten un gran patrimonio cultural, histórico e artístico, ademais dos sectores agrícola, gandeiro e forestal, creando incluso unha marca propia da nosa coñecida faba”, apuntou. 

Francisco Conde sinalou que “Lourenzá precisa un cambio para saír da parálise na que leva os últimos anos por mor dun Goberno local sen ideas”. A este respecto, na necesidade de apostar pola captación de investimentos, atraer novo tecido empresarial a Lourenzá e, por tanto, ofrecer facilidades de acceso ao solo industrial do municipio. Subliñou que “para contar cun rural vivo é preciso buscar alternativas industriais, investimentos e novas oportunidades para o emprego e o emprendemento”.

Na mesma liña tanto Puy como Nodal defenderon que “apoiar á alcaldesa actual é apoiar a Pedro Sánchez” e iso, engadiron, “xa vimos que só nos leva a un retroceso claro do país”; de aí que agradecesen o paso dado pola candidatura que encabeza Roberto Díaz que acredita, sinalaron, “rigor, seriedade, xestión e certezas”.

CANDIDATO DE MAIORÍAS

En Palas de Rei, o seu candidato, adiantou que, se o PP acada novamente a confianza dos veciños, “seguiremos mantendo as bonificacións fiscais a empresas, autónomos e gandeiros”, ademais de impulsar a cuarta fase do polígono industrial, e iniciar o proceso para a implantación de ciclos de hostalería e outro de forestal e téxtil.

Tanto o vicepresidente do PP de Lugo e vicepresidente económico da Xunta de Galicia, como o senador José Manuel Barreiro, enxalzaron o labor do actual alcalde durante os tres últimos mandatos polo clima de estabilidade e confianza achegado e polas novas oportunidades xeradas para todos os veciños e veciñas.

 
Destacou, en concreto, o proxecto de Altri que marcará un antes e un despois para o futuro do concello, así como a planta de Bioflytech. Conde subliñou o compromiso co tecido empresarial, pois Palas de Rei é Concello Emprendedor, ofrecendo simplificación administrativa, prioridade aos proxectos industriais e solo empresarial.