Partido Popular de Lugo

Fabiola García avalou en  Riotorto o proxecto de Clemente Iglesias para a construción da Residencia da Terceira Idade e na Pontenova alentou as iniciativas sociais de Concepción Novo

Lugo,  19 de maio de 2023. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, respaldou hoxe aos candidatos populares nos concellos da Pontenova, Concepción Novo, e Riotorto, Clemente Iglesias, e avalou os seus proxectos en materia social. Nos dous mitins interviñeron tamén o coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro (deputado autonómico) e Jaime de Olano (deputado nacional).

Nas súas intervencións, a titular do citado departamento da Xunta fixo fincapé en que o Partido Popular de Galicia ten demostrado ser a forza política que máis se preocupa polo benestar das familias. Lembrou así a posta en marcha de medidas históricas como a gratuidade das escolas infantís, o reforzo na financiación do Servizo de Axuda no Fogar e a intensa colaboración co tecido social para levar por todo o territorio máis e mellores servizos de atención á discapacidade. En cada un dos concellos puxo o énfase nos proxectos estrela dos candidatos, no caso do de Riotorto na construción da residencia, e na Pontenova, na creación dos servizos de voluntariado e acompañamento que quere poñer en marcha a aspirante á alcaldía.

A PONTENOVA

A alcaldable popular na Pontenova, Concepción Novo, criticou a lentitude coa que avanzan as obras da residencia da terceira idade que constrúe a Deputación provincial, “despois de doce anos de promesas incumpridas”. Expuxo a súa iniciativa para a creación do voluntariado social e de acompañamento, que cre que será un complemento moi útil ao Servizo de Axuda no Fogar. A candidata popular trazou tamén as grandes liñas do que será a maneira de actuar do seu goberno, se ten a confianza dos seus veciños e veciñas, en canto a practicar a escoita activa e actuar con transparencia e buscando a participación. Novo comprometeuse “a petar en todas as portas que faga falta” para conseguir sacar adiante os compromisos que adquire como candidata.

O coordinador xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que A Pontenova é un concello estancando, debido a un goberno local que está canso. Nestes anos, segundo sinalou Balseiro, A Pontenova non gañou nin servizos nin infraestruturas e non foron capaces de abrir a residencia da terceira idade da que veñen falando elección tras elección. Balseiro manifestou: “Queremos cambiar esa dinámica e por iso apostamos fortemente para que Conchita sexa alcaldesa”

RIOTORTO

Pola súa parte, Clemente Iglesias, candidato popular a repetir na alcaldía de Riotorto, incidiu no que é o proxecto estrela dentro do seu programa electoral: conseguir a construción da residencia da terceira idade, no marco do acordo entre a Fegamp e o Consorcio Galego de Servizos Sociais. Será unha residencia con tres módulos e un total de 37 prazas, que dará emprego a 18 persoas. En materia social, o alcaldable popular inclúe no seu programa a ampliación do SAF, así como manter as vivendas comunitarias e a Casa do Maior. Igualmente, pretende achegar aos veciños os servizos de podoloxía e o de Xantar na Casa. Noutra orde de cousas, o aspirante popular mantén a súa reivindicación dun polígono industrial e  comprométese a establecer axudas e incentivos para a reforma das empresas actuais. Presta especial atención a promoción dos produtos do rural do concello, así como á dotación e mellora de servizos básicos como o de abastecemento de auga, saneamento, alumeado público e accesos. Tamén anuncia mellores infraestruturas de banda ancha e o impulso de actividades deportivas e culturais.

Polo seu lado, o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro, manifestou: “Dende que en 2015 accedeu á alcaldía Clemente Iglesias, Riotorto experimentou unha profunda transformación en positivo, porque gañou servizos e infraestruturas. O que queremos é seguir nesa liña para manter o esplendor que conseguiu o concello nestes anos, para beneficio dos seus veciños e veciñas”.

As intervencións do deputado Jaime de Olano nos dous mitins tiveron alcance nacional. Por un lado, afirmou que “hai que cambiar a mala política pola boa política e, para conseguir iso, hai que empezar polos concellos”. Outro perfil da súas intervencións estivo centrado en deixar claro que “a provincia de Lugo non lle debe nada a Pedro Sánchez nin aos seus socios”.