Monterroso, 19 de maio de 2023. O PP de Monterroso preséntase ás eleccións municipais cun programa de “goberno para todos” baseado nas necesidades actuais do municipio e co obxectivo de “construír un futuro de progreso para a nosa vila”. O candidato popular, Eloy Pérez, defende o proxecto popular como garantía de “estabilidade, inversións, capacidade de xestión e lealdade” como demostra “o traballo feito nas áreas onde o Partido Popular tivo responsabilidade de goberno nos últimos anos”.
Os populares defenden “proxectos demandados polos veciños e veciñas” coma unha verdadeira residencia da terceira idade -no actual espazo cultural Lorenzo Varela trasladado ás instalacións das vivendas comunitarias unha vez rehabilitadas para crear a Praza da Cultura nese entorno-, unha verdadeira conexión da vila e o polígono coa autovía de Lugo a Santiago (A-54), a ampliación da EDAR ou a rehabilitación integral da área recreativa da Peneda; ademais doutras xestións e accións que procuren a mellora dos servizos a tódolos monterrosinos “por igual”.
Nese sentido, aposta por “seguir rehabilitando a totalidade das vías municipais” e mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público “favorecendo o aforro e incluíndo a instalación de puntos de luz nos lugares que na actualidade non contan con iluminación pública”.
Os populares defenden tamén unha administración local “áxil e cercana” que facilite os trámites e a relación co resto de administracións públicas; ademais de asesorar aos emprendedores. E propoñen a mellora da accesibilidade da Casa do Concello, reordenación do viario urbano para aumentar o número de prazas de aparcamento e desenvolver “un plan periódico para a limpeza das rúas do pobo”.
En materia de servizos sociais, os populares apostan por estudar a viabilidade da xestión directa do SAF; xestionar o aumento de prazas do centro de día e ofrecer comidas a domicilio para os maiores que viven sós. Tamén aseguran que “apoiaremos actividades dirixidas á terceira idade coma as viaxes culturais e sumar informática á oferta actual de talleres”.
Pensando nos máis pequenos, propoñen a ampliación e cubrición do parque infantil da praza Rojo Losada e manter unha comunicación fluída cos centros de ensino aos que pretenden dotar de máis espazos cubertos. Co obxectivo de fomentar a natalidade, prometen axudas de 250 euros por nacemento ou adopción e de 150 euros ao ano como axuda á crianza.
Eloy Pérez quere facilitar “emprego para todo o mundo” e, polo tanto, suxire a creación dunha bolsa municipal de emprego integrada por persoas de colectivos con máis dificultade para acceder ao mercado laboral.
Tamén considera oportuno revisar o estado da tramitación do PXOM e a súa adaptación ás necesidades actuais do concello para dotalo de solo edificable; así coma crear vivenda pública e promover a rehabilitación de edificios. Igualmente, o seu programa electoral recolle a instalación dun panel dixital de información na parada de buses sobre as distintas liñas.
O proxecto popular inclúe propostas de apoio á hostalería e o comercio local; ao deporte; ás asociacións culturais e ás iniciativas que fomentan a celebración de feiras e festivais; e por potenciar o Centro de Interpretación ‘Monterroso, A Vila das Feiras’ en torno á Feira de Santos para a que queren xestionar a declaración como Festa de Interese Turístico Nacional.
Tendo en conta que Monterroso é a capital da comarca, Eloy Pérez promoverá contactos cos Concellos da zona para estudar a implantación en Monterroso dun centro comarcal de tratamento e valorización de residuos da construción e demolición ou a xestión compartida da piscina climatizada para que resulte viable este servizo. O popular explica que “tamén pediremos a colaboración doutras institucións para a posta en marcha, de forma gradual, do pavillón polideportivo e o ximnasio” que conforman o complexo deportivo.
VOCACIÓN DE SERVIZO
A candidatura popular, integrada por persoas que viven e traballan en Monterroso contribuíndo a facer vila, comprométese a “seguir traballando dende a humildade e con vocación de servizo”.