Partido Popular de Lugo

O PP di que a tronada puxo en evidencia as carencias da rede de colectores das augas residuais e a necesidade de planificar a súa renovación

Monforte de Lemos, 15 de xullo de 2022. O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, gusta das obras que se ven, das que son un bo fondo para as fotos, das que se poden “vender” politicamente unha e outra vez. Así o sinala a portavoz popular, Katy Varela, que di que o malo desa preferencia do alcalde é para os intereses dos monfortinos, porque algunhas das grandes infraestruturas básicas non se ven, como son as hidráulicas, sinaladamente o saneamento. E como o goberno municipal non pon interese en renovar a rede de colectores, cada certo tempo hai inundacións. Varela destaca que “cando chove intensamente, torrencialmente, como na tarde-noite do pasado xoves, entón o que ocorre é o que ocorreu e que todos os veciños puideron ver e, moitos, sufrir nos seus propios intereses”.

Os populares anuncian que na próxima sesión plenaria defenderán unha iniciativa en relación coa necesaria e inaprazable mellora da rede de colectores das augas residuais. Varela di: “Está claro que cando chove como choveu o xoves é moi difícil que non ocorra algún problema na rede de sumidoiros. Pero o que está claro é que problemas hai moitos e frecuentes e débense á falta de renovación dunhas infraestruturas básicas para o bo funcionamento da cidade”.

Un dos aspectos que inciden de maneira fundamental en que se produzan inundacións cando chove copiosamente é a falta de limpeza dos embornais dos sumidoiros. Cando están atascados, non tragan auga debidamente e as calzadas convértense en verdadeiros ríos ou lagos. E prodúcense entón as inundacións, con consecuencias para os cidadáns, sinaladamente para locais públicos abertos en baixos, e para os garaxes soterrados. A portavoz popular di que é hora de planificar o futuro das infraestruturas hidráulicas de Monforte, “porque xa pasou o tempo de traballar para saír do paso”.