Partido Popular de Lugo

O PP de Monterroso reclama ao socialista Tomé que adopte as medidas precisas para desbrozar de inmediato cinco estradas provinciais no municipio

Monterroso, 14 de xullo de 2022. O mal estado das estradas da Deputación é motivo de moi frecuentes e duras críticas dos veciños da provincia ao longo de todo o ano. Nesta época, aumentan as queixas pola falta de roza das beiras das estradas. No caso do concello de Monterroso, o portavoz popular, Eloy Pérez Sindín, primeiro tenente de alcalde, faise eco das queixas de veciños de varias parroquias e acaba de presentar un escrito na Deputación, dirixido ao seu presidente e delegado de Vías e Obras, José Tomé (PSOE), para que ordene o desbroce de cinco estradas, concretamente as LU-P 3301, LU-P 3302, LU-P 3305, LU-P 3306 e LU-P 4001.

Pérez Sindín di que recibiu queixas de veciños de Monterroso residentes nos lugares de Vilanova, Fufín e Tarrío de Buxergos, e tamén das parroquias de A Lucencia, Vilamaior e Tarrío de Novelúa. Indica que a maleza que medra abundante nas beiras das vías provinciais dificulta o tráfico, tanto rodado como peonil, e crea situacións de risco que xa se materializou en accidentes de tráfico. O citado portavoz popular destaca que durante os meses de verán aumenta considerablemente o tráfico rodado polas citadas vías como consecuencia dos moitos monterrosinos que pasan as súas vacacións no municipio.

No escrito entregado na Deputación, destácase que no ano 2021 o desbroce das estradas levouse a cabo na parte final do ano, polo que os veciños tiveron que sufrir as molestias e riscos derivados da falta de roza das beiras durante meses e meses. Indica que houbo algún accidente debido á falta de visibilidade en curvas das estradas provinciais.

Eloy Pérez asegura que os veciños de Monterroso están especialmente molestos este ano porque ven que as estradas provinciais do municipio de Antas xa están libres de maleza e que no de Palas os traballos atópanse moi adiantados.

Ademais do escrito presentado por Pérez Sindín, foron rexistrados os firmados por veciños de Fufín, na parroquia de San Martiño de Fufín, e dos de Vilanova, na parroquia de San Pedro de Vilanova, nos que describen os problemas e riscos que causan as estradas sen rozar e reclaman que a Deputación proceda canto antes a efectuar os traballos de roza.