Partido Popular de Lugo

O PP ve con escepticismo o novo convenio da Deputación para a residencia da terceira idade de Guitiriz, despois de perder catro anos e tirar a emblemática Casa da Botica

Lugo, 15 de xullo de 2022. Dende que tomou posesión do cargo, o socialista José Tomé xa ten sobradamente demostrados os déficit da súa xestión dos asuntos da provincia. Pero hai algún caso especialmente significativo, como é, segundo pon de manifesto o portavoz popular, Javier Castiñeira, o de Guitiriz, concello no que despois de catro anos de firmado o convenio para a residencia da terceira idade, nin hai residencia nin está, porque foi derribada, a emblemática Casa da Botica, que debía acoller o citado centro.

Castiñeira sinala: “É absolutamente penosa e patética a xestión da Deputación de Lugo con respecto a residencia programada en Guitiriz e con respecto á Casa da Botica, que a día de hoxe non existe. Hoxe a Deputación de Lugo informa dun novo convenio que substituirá ao anterior, de xuño de 2018, para construír de novo a residencia de Guitiriz. Perdemos catro anos; daquela tiñamos en pé a Casa da Botica, un valor histórico da localidade, e agora xa non está”.

O portavoz popular cre que este é un caso “que demostra a nefasta capacidade de xestión do equipo de goberno e sobre todo o grandísimo prexuízo que se está a causar aos veciños de Guitiriz, que cada vez ven como se acumula máis e máis retraso no proceso para ter a residencia da terceira idade que se lles prometeu”.

Castiñeira declara: “Lamentamos que se prexudique tanto ao pobo de Guitiriz. Pedimos ao equipo de goberno moita máis seriedade. Non se pode presumir dunha rede de residencias cando se está enganando a metade das poboacións as que se prometeron residencias; algunhas chegan con retraso e outras, como esta, ademais do retraso implicou a demolición dun edificio significativo”.