Partido Popular de Lugo

O PP propón que a Deputación promova coa USC unha homenaxe a Cacharro Pardo polo seu “labor, cooperación e impulso definitorio” ao campus de Lugo

Lugo, 28 de xuño de 2022. O Grupo Provincial Popular suxeriu que a Deputación de Lugo promova, en conxunto coa USC, unha homenaxe a Francisco Cacharro Pardo en recoñecemento “do seu labor, cooperación e impulso definitorio” ao campus universitario de Lugo.

“A Deputación ten un longo percorrido de apoio e impulso e traballo coa USC que iniciou o presidente Luis Cordeiro; pero, sen dúbida, se existe un nome propio nesta casa que podamos vincular ao traballo e á cooperación coa universidade ese é o de Francisco Cacharro Pardo. Polo tanto, esta homenaxe, sen dúbida, sería posible, loable e de xustiza se quen ten que tomar a decisión é xusto e obxectivo”, segundo trasladou o deputado lucense Óscar Poy no pleno da corporación provincial deste martes.

Os deputados populares votaron a favor da cesión á USC do uso de varias parcelas provinciais para consolidación e ampliación do Campus de Lugo. “Toda colaboración da Deputación coa USC para a ampliación, mellora e promoción do campus de Lugo é ben acollida por este Grupo Provincial”. Poy puxo en valor que “o Campus da Universidade de Santiago en Lugo é unha parte esencial da cidade de Lugo, como sinal de identidade, como xerador de potencia intelectual, como impulsor da economía local e como referencia no mundo académico e investigador, tanto a nivel nacional como internacional”.

Cooperación en beneficio dos sectores da provincia

“A USC, a través do campus, pode aportar moito á provincia”. Por iso, Poy animou ao goberno provincial, en nome de todo o Grupo Popular, a buscar novas liñas de cooperación coa Universidade que redunden en beneficio de sectores concretos da nosa provincia, e, á vez, sexan de utilidade para a Universidade”.