Partido Popular de Lugo

Daniel Vega pregunta ao goberno do BNG “se solicitou as axudas da Xunta para a reforma do hospital asilo”

Ribadeo, 29 de xuño de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, pregunta ao goberno local do BNG se ten solicitado as axudas do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar do que forma parte a Xunta e a Fegamp financiadas con fondos europeos Next Generation para a reforma do Hospital Asilo de Ribadeo; xa que se dirixían precisamente á construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais.

A través deste Plan de investimentos os Concellos podían solicitar apoios económicos á Xunta de entre 500.000 e 1,2 millóns euros para a reforma ou ampliación dunha residencia ou fogar residencial de atención a maiores.

“O Goberno galego informou a través da Fegamp aos Concellos para que solicitaran esta subvención. Polo tanto, ambas institucións cumpriron co seu papel e agardamos que o Goberno local solicitara esta axuda xa que foi avisado. Outros Concellos solicitaron a axuda xa que é importante para a reforma de edificios que cumpren cunha función relevante nas distintas vilas. Esperamos que o goberno do BNG non se quede só en palabras, senón en feitos. Solicitar a subvención é querer resolver e traballar para garantir a reforma do Hospital Asilo”, manifesta o voceiro do Grupo Municipal Popular.

Vega aprecia que “o BNG quere volver a vellas polémicas; pero non imos entrar en provocacións. Este Grupo Municipal non está por estar, senón para traballar por Ribadeo e non perder un minuto de tempo en polémicas absurdas. Estamos e estaremos comprometidos con Ribadeo”. Pola contra, “parece que o BNG non entende que traballar conxuntamente todos os grupos da corporación é a solución para beneficiar e traballar por Ribadeo”.

O Grupo Municipal Popular rexistrara en xaneiro do 2021 unha moción para esixir ao goberno do BNG que dera a coñecer aos ribadenses todo o relacionado coa herdanza do doutor Moreda. E a finais de marzo do mesmo ano, o BNG evitou debater ese asunto no pleno ao non incluílo na orde do día do correspondente pleno. “Esixímoslle ao goberno do BNG que dera explicacións porque eles non tiñan interese. Agora todos os ribadenses sabemos que o Concello dispón de 500.000 euros á espera de vender o piso. Polo tanto, non caben as mentiras nin a demagoxia”.

Vega indica que “a Xunta debe colaborar e o goberno local do BNG tivo a oportunidade de solicitar o seu apoio a través desta liña de axudas e agardamos que soubera aproveitala. O Grupo Municipal Popular dicimos agora e sempre reforma do Hospital Asilo si”.