Lugo, 28 de xuño de 2022. A sesión plenaria que celebra esta mañá a Deputación provincial reflicte a preocupación existente na provincia polos problemas que causa a Galicia o derrubamento do viaduto da autovía A-6 en O Castro. O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que os lucenses ven con preocupación o futuro inmediato, “preocupación que está intimamente ligada a conseguir unha solución rápida e eficiente ao problema da A-6, polo problema da caída do viaduto de O Castro”.
Castiñeira resalta que, “desgraciadamente, a solución non depende de nós, da Deputación, senón do Goberno central, que está demostrando ser pouco dilixente e pouco comprometido cos problemas de Lugo”. A maiores, por outro lado, segundo manifesta Castiñeira, “temos un presidente da Deputación nada esixente e moi condescendente coa deixadez do presidente Sánchez coa nosa provincia”. Así quedou demostrado “co estatuto electrointensivo, no que non foi capaz de defender os intereses da industria lucense; demóstrao cada vez que se aproban uns orzamentos do Estado nos que non aparecen investimentos para as infraestruturas lucenses que seguen sendo papel mollado (A-74, A-72, A-76, A-56)”.
Castiñeira asegura: “Tomé é un verdadeiro peloteiro do goberno central, porque apenas discute con Sánchez o que é bo para a provincia. Así, abandonou á industria e ao campo; nesa mesma liña, é partidario de aproar leis ideoloxizadas, como a do lobo; ou a de costas, que vai contra os intereses de todos os mariñáns”. O portavoz popular di que o presidente da Deputación “tamén é condescendente coa eliminación de paradas nas rutas nacionais de transporte público e esquece a necesidade dunha Comisaría nova para Lugo”. Para os populares, “está demostrado que Tomé asinte a todo o que lle manda Sánchez, polo que, por moito que decidamos hoxe, Tomé vai seguir pasando de todo, o cal é unha desgracia para a provincia”.
Castiñeira sinala que “dende o grupo provincial do PP temos a conciencia tranquila porque defendemos, alí onde estamos nas institucións, os intereses dos nosos veciños, moi por riba dos intereses o partido ao que pertencemos”.