Partido Popular de Lugo

O PP insiste en que apoiará un acordo plenario para autorizar a compra de accións de Tragsa pola Deputación se está avalado por unha memoria de sustentabilidade económica

  • Os populares cualifican o pleno do martes de “paripé”, porque o goberno provincial só quería ratificar decisións que foron declaradas nulas de pleno dereito en sentenza xudicial.
  • O portavoz popular, Javier Castiñeira, considera que os acordos adoptados no pleno do martes, tomados coa oposición do PP, lonxe de resolver o problema, empeórano.
  • Castiñeira di que “se ademais traen ao pleno unha proposta de acordo para incluír como persoal da Deputación a todas as persoas que procedentes de Suplusa foron subrogadas en Tragsa, o problema estaría solucionado”.
  • Os populares indican que “sempre atoparán a axuda do PP, pero non para plenos de paripé como este, co que se intenta ratificar erros que se cometeron”.

Lugo, 13 de abril de 2022. O goberno provincial está permanentemente instalado na liña de manter a súa pretensión e non emendala aínda que sexa evidente que está nun erro. O pleno extraordinario celebrado o pasado martes foi unha demostración máis de como o presidente da Deputación, José Tomé (PSOE), ten interiorizada esta maneira de proceder. O portavoz popular, Javier Castiñeira, asegura que os populares “de verdade que sentimos que o presidente da Deputación de Lugo se anoxase cando cualificamos o pleno celebrado onte pola corporación provincial de auténtico despropósito; quizá debemos cualificalo de paripé, porque o que levou o equipo de goberno ao pleno non vale absolutamente para nada”. Engade: “Ao contrario, empeora as cousas, porque levaron a ratificar dous acordos que son nulos de pleno dereito, por unha sentenza de hai poucos días”.

Castiñeira explica: “O PP non está en contra de que a Deputación de Lugo entre no accionariado de Tragsa; ao contrario. Se o goberno provincial propón un acordo no que o pleno autorice ao presidente e a xunta de goberno a comprar esa acción de Tragsa, e a proposta vén acompañada dunha memoria de sustentabilidade económica, que demostre que Tragsa como medio propio personificado da Deputación vai facer mellor os traballos que o fan outros servizos, o PP apoiará iso”. O portavoz popular di: “E se ademais trae ao pleno unha proposta de acordo para incluír como persoal da Deputación a todas as persoas que procedentes de Suplusa foron subrogadas en Tragsa, o problema estaría solucionado. É certo que a solución chegaría dous anos despois, pero o problema estaría solucionado”.

Castiñeira deixa claro que para as verdadeiras solucións “sempre atoparán a axuda do PP, pero non para plenos de paripé como este, co que se intenta ratificar erros que se cometeron”. Conclúe: “Atoparannos na legalidade, no cumprimento da Lei de Bases de Réxime Local e da lei que regula os contratos das administracións públicas”.