- Os populares sosteñen que “Suplusa prestaba servizos útiles á Deputación de Lugo e o único motivo para a súa disolución foi un pacto político entre PSOE e BNG”
- Castiñeira destaca que o incremento de custos co encargo a Tragsa “era obvio para o PP dende o primeiro momento, pero a estas alturas temos un exemplo claro, que é o servizo de mantemento de zonas verdes, no que se levan gastados nestes dous anos cerca de dous millóns de euros”
- No PP están convencidos de que “lamentablemente levamos dous anos perdidos e coa actitude do equipo de goberno é probable que isto se alongue moito máis”
- O portavoz popular lembra que os traballadores de zonas verdes de Suplusa están subrogados en Tragsa, e que esta empresa usa maquinaria da Deputación que era da desaparecida sociedade provincial
Lugo, 16 de abril de 2022. A estas alturas, xa está claro que, como sinalan os deputados do PP, “o goberno bipartito (PSOE-BNG) da Deputación de Lugo caeu nas súas propias redes” e, despois de dous anos e case seis millóns de euros en encargos, está demostrado que Tragsa lle sae moito máis cara á provincia de Lugo que Suplusa. O portavoz popular, Javier Castiñeira, insta ao socialista José Tomé e ao seu equipo de goberno a que “non fuxan cara adiante e resolvan os problemas, porque hai moita xente á que agora mesmo afecta esta situación e sobre todo reclamamos que velen polos intereses provinciais e non unicamente polos seus intereses políticos e partidistas”.
Castiñeira destaca: “Suplusa prestaba servizos útiles á Deputación de Lugo e o único motivo para a súa disolución foi un pacto político entre PSOE e BNG”. Lembra que “o PP xa o dixo no seu momento: como vai ser máis barato, máis sostible, un servizo contratado a unha empresa pública, Tragsa, da que só temos unha acción, que un servizo encomendado, como era naquel momento, a unha empresa pública 100% da Deputación e de capital provincial”. Engade: “Iso era obvio para o PP dende o primeiro momento, pero a estas alturas temos un exemplo claro, que é o servizo de mantemento de zonas verdes, no que se levan gastados nestes dous anos cerca de dous millóns de euros, a razón de case 900.000 euros ao ano”.
Os populares pregúntanse “como podemos crer que é máis barato subrogar os traballadores a Tragsa, prestarlle a maquinaria da antiga Suplusa, que agora é da Deputación, e que con iso se pretenda facer que o servizo sexa moito máis barato”.
Para Castiñeira, a argumentación do goberno provincial “era unha auténtica escusa pensada única e exclusivamente para contentar ao BNG, obsesionado co bo traballo que se facía en Suplusa”. Agora, “lamentablemente levamos dous anos perdidos e coa actitude do equipo de goberno é probable que isto se alongue moito máis”.
Gabinete de Comunicación