Partido Popular de Lugo

O PPdeG critica que o PSdeG perdera a oportunidade de pedir no Pleno ao Goberno central o reintegro a Galicia dos 70 millóns dos plans de rescate

O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, lamentou esta mañá no Pleno do Parlamento que os socialistas galegos “perderon unha oportunidade de poñerse ao carón dos intereses de Galicia e dos galegos pedindo con claridade ao Goberno de Pedro Sánchez que devolva á Comunidade galega os 70 millóns de euros que non puideron ser executados ao abeiro do terceiro e cuarto plan de rescate polas condicións inxustas e inaccesibles impostas polo Goberno central”.

 

José Manuel Balseiro apuntou que esta devolución deberá facerse “nunhas condicións que fagan destes fondos axudas útiles e non como aconteceu nos dous últimos plans de rescate con dificultades e atrancos, tanto para a Xunta como para o tecido empresarial, á hora de acceder aos fondos transferidos”.

 

“De novo os socialistas galegos amosan a súa submisión ao Goberno de Pedro Sánchez, do mesmo xeito que aconteceu no pasado canto tivemos que reclamar por vía xudicial a mensualidade do IVE de 2017 ou cando venderon aos traballadores de Alcoa”, engadiu.

 

Neste sentido, Balseiro ironizou con que “o erro foi do Grupo Popular por sobrevalorar a capacidade e autonomía dos socialistas galegos para actuar con valentía, tendo en conta estes antecedentes e que o seu líder aceptara mudo o peche da central térmica das Pontes, a cambio de ser secretario xeral do PSdeG”.

 

FALTA DE VALENTÍA SOCIALISTA

 

O portavoz popular amosou a disposición a apoiar o segundo punto da moción dos socialistas galegos porque, “aínda que falto de valentía, inclúen o que o Goberno galego leva intentando facer dun xeito constante: buscar fórmulas de colaboración para que os 70 millóns de euros non executados dos últimos plans de rescate cheguen ás pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas de Galicia”.

 

“O que non faremos é votar a favor do resto dos puntos da moción nos que nos piden branquexar a reforma laboral, xa que desde o Grupo Popular defendemos a utilidade da reforma laboral de 2012, que se consolidou como un dos instrumentos máis eficaces para a creación de emprego e para sacar a España da crise económica e social de 2008”, explicou.

 

En concreto, José Manuel Balseiro destacou que “coa reforma laboral do PP hai máis de 9 millóns de mulleres traballando, reduciuse en máis dun 17 por cento a temporalidade e de cada catro persoas que traballan, tres teñen contratos indefinicos”.