Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que o goberno provincial intensifica o ocultismo na súa xestión e impide ao PP comprobar en que condicións está o edificio de San Marcos, 11, antiga sede de Suplusa

Ao goberno provincial de Lugo, especialmente ao seu presidente, éncheselle a boca con conceptos como democracia e participación, pero, á hora da verdade, acóllese á interpretación máis estrita da normativa para evitar facilitar á oposición todo o que ten que ver coa información dos asuntos da Deputación. De isto é boa proba a prohibición aos deputados da oposición, é dicir, do grupo do PP, de visitar edificios e instalacións provinciais. Primeiro denegou o permiso solicitado para entrar na nave cedida polo escultor Manuel Mallo, en Begonte, alegando que descoñecía o seu estado e que, polo tanto, non autorizaba á visita por motivos de seguridade. Agora, acaba de rexeitar a autorización pedida polo PP para revisar o estado da antiga sede de Suplusa, la praza de San Marcos, 11. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Non deixa de sorprendernos o presidente da Deputación, José Tomé, coa súa falta de  talante participativo. Xa son moitos os capítulos que está a sufrir o PP desa maneira de entender o poder que fai que nos negue o acceso a locais da Deputación, como no seu día á nave de Manuel Mallo, en Begonte; agora fai o mesmo con respecto ao edificio número 11 de San Marcos, antiga sede da sociedade provincial Suplusa; tamén nos denegan o acceso a este inmoble”.

 

Castiñeira explica que “no PP o único que pretendiamos era  analizar o estado dese edificio e intentar, segundo o caso, ver que posibilidades de utilización ofrece, para  poñelo en uso e non telo sen utilizar como está a día de hoxe”.

 

 Para os populares, esta nova demostración da falta de vontade de xestionar as institucións de maneira participativa “é outra versión máis do ocultismo absoluto co que pretende actuar o señor Tomé”. A antiga casa de Suplusa, “é un edificio dunha institución pública, que no seu día era de acceso público como sede da sociedade provincial e agora está pechado”. “O que quere o PP -asegura Castiñeira- é poñer en valor os edificios da Deputación de Lugo, neste caso un inmoble herdado de Suplusa, que deixou un gran patrimonio e máis de catro millóns de euros”. Engade: “O que queremos é seguir sumando e aportando idea e por iso lamentamos que o presidente Tomé non teña  en consideración ao grupo maioritario da corporación. Lamentamos que se coarte o noso dereito a  poder acceder ás instalacións da Deputación e fiscalizar, como é a nosa obriga como oposición, o traballo do goberno provincial”. Conclúe que Tomé e o seu equipo poñen “moitas dificultades neste sentido, o que temos que interpretar como unha mostra de que se intenta ocultar algo, o que nos parece moi grave”.