Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba esixe ao goberno local aclarar a súa posición sobre a rúa da Pravia, ensinar os informes técnicos e buscar o consenso cos comerciantes, veciños e a oposición

O PP de Vilalba esixe ao goberno local “aclarar cal é a súa verdadeira previsión para a rúa da Pravia, poñer enriba da mesa os informes técnicos e buscar o consenso cos comerciantes, a oposición e os veciños de Vilalba a través do diálogo. Non se pode tratar de enganar á xente; senón que debe aclarar se é unha medida definitiva ou temporal”. Tamén criticaron os populares que “aínda non convocaron a Xunta de Portavoces ou a Comisión de Urbanismo que temos solicitado e que son os órganos onde debe achegar información aos representantes dos veciños na corporación municipal”.

 

Así o trasladaron os populares en rolda de prensa na que subliñaron que “non é boa idea partir Vilalba en dous” atendendo á importancia da rúa da Pravia como vía fundamental de comunicación especialmente importante para canalizar o tráfico dos veciños das parroquias ou incluso doutros concellos da Terra Chá que se achegan á vila e que integran boa parte dos consumidores dos comercios de Vilalba. Polo tanto, “a peatonalización ou calquera cambio en materia de tráfico prexudica aos comerciantes da rúa da Pravia”. Os edís do Partido Popular vilalbés defenderon que “se debe analizar a situación concreta do noso pobo e, para tomar unha decisión, ter a seguridade de que o beneficio vai ser maior que o prexuízo a causar. E, neste caso, é ao revés”.

 

Contradicións e covardía política

O portavoz do Grupo Municipal, Agustín Baamonde, considera “un acto de covardía política” o proceder da alcaldesa que “primeiro tomou unha decisión e como non puido xustificala co Plan de Mobilidade, aludiu a supostos informes técnicos que ninguén coñece”. Ademais, condenou que fose “unha decisión unilateral” sobre un tema de importancia para todos os veciños coma este que modifica o modo de vida do pobo de Vilalba”. Insisten, polo tanto, na necesidade de diálogo, “especialmente nesta situación, cun goberno en minoría”.

 

Por outra banda, subliñou o popular as contradicións do goberno municipal: “A alcaldesa atopouse coa oposición dos comerciantes que lle esixiron explicacións e foi nese momento cando dixo que era unha medida contemplada no Plan de Mobilidade e polo tanto, unha medida que o equipo de  goberno pretende levar a cabo; a pesar de que ese plan non está aprobado nin foi posto a disposición dos veciños nin dos grupos da corporación”. Posteriormente, “tras ver a reacción dos comerciantes, foi cando caeron nunha contradición ao dicir entón que se trata dunha medida provisional baseada en informes técnicos”.

 

A este respecto, trasladou que “o PP está do lado dos veciños” e sinalou que “non se debe converter esta problemática nun tema de confrontación política; senón darlle solución a través do diálogo e o consenso”. Por iso lamenta as acusacións do equipo de goberno sobre a responsabilidade do PP en relación á actual situación da rúa da Pravia.

 

Cortina de fume para tapar unha xestión caótica e neglixente

Baamonde negou a responsabilidade do PP sobre este asunto. De feito, cre que estas acusacións son “unha cortina de fume para tapar a súa caótica xestión e a súa propia neglixencia”. O popular explicou que “non existe ningún informe oficial que advertise sobre un perigo inminente máis alá dos partes de avarías que recollen ese tipo de advertencias. En todo caso, debería estar no Concello e nos dous anos  de goberno tiveron tempo de sobra para enterarse da situación da auga no noso municipio”.

 

Os populares subliñan, neste sentido, as novas contradicións do equipo de goberno porque “lamentan a falta de lealdade do PP cando a alcaldesa ten recoñecido que o traspaso de poderes foi modélico”. De feito, os ex concelleiros e o propio ex alcalde mantiveron varias reunións para poñer ao día á alcaldesa sobre temas transcendentais e advertindo tamén de que calquera cuestión sobre o abastecemento e saneamento se debería consultar coa empresa concesionaria. Nese sentido, pregúntanse os populares se aínda non se reuniron con Espina y Delfín para coñecer a situación da auga en Vilalba o que, nese caso, sería “unha irresponsabilidade” por parte do goberno e do edil correspondente ao que se debería pedir explicacións.

 

Falta de diálogo e de lealdade cos comerciantes

Baamonde sinalou que “falta de lealdade é a do goberno local cos comerciantes nunha situación delicada a consecuencia da pandemia. Primeiro cambia a feira e agora toma decisións sobre a rúa da Pravia sen ter en conta aos afectados que sofren a falta de movemento de xente na rúa; ademais de negarlles as axudas aprobadas fai seis meses. En lugar de axudarlles, só lles pon paus nas rodas”.

 

Agustín Baamonde lamentou, finalmente, “a falta de diálogo da alcaldesa e a súa falta de vontade para acadar o consenso” e sinalou que “os veciños están a apreciar o seu talante ditatorial” que demostra ao “non executar os acordos plenarios que non sexan propostos polo equipo de goberno”. Ademais, “négase a dialogar e a falar coa oposición” e, polo tanto, “continuamos sen aprobar os orzamentos municipais”.