O Partido Popular de Monforte denuncia que o alcalde “afoga” ás familias do concello, ao decidir cobrar nestes momentos os atrasos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que, nalgún caso, supera os 1.000 euros. Así se deduce das cartas que están a recibir nos seus domicilios os monfortinos e monfortinas, e nas que se lles indica que teñen que desembolsar cantidades “tan desorbitadas” como a indicada.
A voceira do Grupo Municipal, Katy Varela, afea ao rexedor socialista “este afán recadatorio, pois son moitos os veciños que, debido á crise que deixa a covid, viron mermados os seus ingresos e, pagar agora máis de 1.000 euros, resúltalles moi complicado”. Por este motivo, os populares piden a Tomé Roca que “reconsidere” esta decisión e, ou ben aprace o cobro, ou ben lles dea facilidades para efectualo.
O pagamento do IBI deriva do valor catastral de cada edificación. Deste modo, todos aqueles titulares que viron revalorizada as súas vivendas, teñen que pagar máis polos seus inmobles e a diferencia dende 2015 a 2018. Dada a situación, é responsabilidade das entidades locais estipular o prazo de cobro e o modo de facelo. Por iso, dende o PP lamentan “a falta de sensibilidade” do goberno local, xa que “non podemos falar aínda de recuperación económica”. “Cobrar estas cifras nestes momentos é dunha falta de solidariedade sen precedentes”, censura Varela.
“A recolecta de Tomé”
“Que un veciño teña que pagar máis de 1.000 euros é totalmente desorbitado”, afirma a popular, que agarda que o alcalde escoite a súa petición e “lles dea algo de osixéno ás familias”, xa que, ademais, “o Concello conta cun remanente de 7 millóns de euros, polo que non ten sentido esta recolecta de Tomé”, conclúe a popular.