As infraestruturas do saneamento son fundamentais para a saúde medioambiental dos municipios. No caso de Foz, hoxe deuse un paso de xigante no camiño para alcanzar o día histórico en que o municipio conte coa necesaria nova depuradora. No grupo municipal popular, segundo sinala o seu portavoz, Javier Castiñeira, están “moi satisfeitos pola novas que nos trasladan dende a Xunta de Galicia da aprobación da declaración de impacto ambiental para a depuradora, proposta no seu día polo PP e apoiada por Foz Plataforma de Futuro, na Granda de Forxan”.
Castiñeira sinala: “É un paso moi importante para poder licitar esta obra, que foi firmada no seu día nun convenio entre a Xunta de Galicia (Consellería de Infraestruturas) e o propio goberno do Concello de Foz, que daquela era do Partido Popular; agora a pelota está no tellado do Concello de Foz, que debe aprobar en pleno ese anteproxecto. Esperemos que o equipo de goberno, formado PSOE e BNG, que no seu día votaron en contra, agora non boten atrás este proxecto tan esperado e necesario para o noso concello”.
Castiñeira anuncia que, neste asunto, o goberno local conta “co apoio do Partido Popular”. Engade: “O equipo de goberno debe aprobar cantos antes os orzamentos e neles incluír unha partida para comprar os terreos na Granda de Forxán; unha vez postos a disposición de Augas de Galicia, quedaría a licitación do proxecto e da obra”.
Os populares están convencidos de que “a posta en servizo desta depuradora será un cambio histórico especialmente no eido medioambiental; coñecendo os problemas que nos trouxo a antiga depuradora, aínda en funcionamento no porto de Foz, está clara a importancia de ter unha nova depuradora”.