A Xunta Directiva de Novas Xeracións vén de aprobar a distribución dos 4 compromisarios que lle corresponden á provincia de Lugo para o 17º Congreso do PPdeG. Deste xeito, e en cumprimento do regulamento do Partido, dáse continuidade aos trámites previos que se deben levar a cabo para elixir no mes de xullo ao presidente da formación popular en Galicia.
Co seu voto, os integrantes da agrupación moza, que preside a senadora Rosa Arza, poderán apoiar aos precandidatos e tamén aos compromisarios ou representantes por cada organización local no 17º Congreso, que é o máximo órgano do Partido”, continuou.
O conclave autonómico permitirá actualizar a organización do PPdeG, non só os equipos, senón tamén as propostas e as ideas da Galicia de hoxe encamiñadas a servir á Galicia de mañá. Neste senso, a presidenta provincial desta organización animou a todos os integrantes a participar, xa que “o futuro dos máis novos tamén pasa polo que elixamos o vindeiro mes”, precisou Arza.
Funcionamento global do proceso
Todos os compromisarios electos, 139 en total, outórganse, atendendo ao regulamento, nun 75% segundo o nivel de afiliación local con respecto á afiliación do total da provincia e nun 25% segundo a porcentaxe de votos obtidos neses municipios nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galicia con respecto ao total da provincia.
Deste xeito, a agrupación local de Lugo deberá elixir 37 compromisarios; as de Monforte e Sarria, 8 cada unha; 4 compromisarios lle corresponden a Foz e outros tantos a Viveiro; 3 a Cervo, Chantada, Friol, Quiroga, O Saviñao e Vilalba; 2 á Pastoriza, Burela, Castro de Rei e Ribadeo; os 52 concellos restantes da provincia deberán elixir 1 compromisario cada un deles.
Unha vez aprobado o número de compromisarios correspondentes a cada municipio, serán os afiliados das agrupacións locais os que elixirán o vindeiro 7 de xullo en votación secreta entre os afiliados que se inscriban como candidato a compromisario antes do 2 de xullo. Do mesmo xeito, elixirase tamén na mesma xornada entre os precandidatos á presidencia do Partido.
Habilitaranse, polo tanto, dúas urnas: unha para prestar apoio directo aos precandidatos á presidencia do partido e outra para a votación dos candidatos a compromisarios -marcando cunha cruz aos candidatos en número non superior aos elixibles-. Resultarán elixidos aqueles que obteñen un maior número de votos.
Representantes da provincia de Lugo no17º Congreso do PPdeG
Xunto aos compromisarios electos serán tamén os compromisarios natos -todos os membros da Xunta Directiva do Partido Popular de Galicia entre os que se atopan directivos do PP da provincia de Lugo, deputados e senadores e os membros da Comisión Organizadora do Congreso-, os representantes dos galegos residentes no exterior e os de NNXX os que participarán no Congreso do PP autonómico que se celebrará o 16 e o 17 de xullo na cidade de Pontevedra.