Partido Popular de Lugo

Castiñeira: “Vimos con ilusión ao pleno de hoxe na Deputación e esperamos que se aprobe a nosa proposta para crear solo industrial na provincia, para fixar empresas e poboación no rural”

Este ano, o 2021, debe ser o da recuperación económica, o da saída da crise provocada pola pandemia de covid-19. É necesario que, no ámbito provincial, a Deputación xogue forte para impulsar a recuperación. Un terreo no que ten que intervir, sen dúbidas, con firmeza e determinación, é na creación de solo industrial. Por iso, tal como anunciou, o grupo provincial popular defenderá na sesión plenaria de hoxe unha moción para o deseño e execución dun plan de creación de solo industrial no rural da provincia. A este respecto, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Dende o grupo de Partido Popular consideramos que o de hoxe é un pleno importante na Deputación. Os populares presentamos dúas mocións que entendemos moi necesarias para o futuro da nosa provincia. Unha  delas é para intentar que o Goberno de España non siga co seu plan de suba de impostos que afectan a todos os lucenses. Por outra parte, vimos a esta sesión con moita ilusión de que se aprobe  unha proposta que presentamos para que a Deputación sexa útil na recuperación económica desta provincia, algo que non está a facer ata o día de hoxe; queremos que se promova solo industrial no rural, cos cartos que deixou Suplusa e respectando os compromisos xa firmados. Hai concellos que  non teñen solo industrial e que o necesitan. Solicitamos un plan industrial actualizado, pensando en fixar empresas no rural, para crear postos de traballo e que con elo se fixe poboación en toda a provincia”.

 

Por outra parte, Castiñeira explica que na orde do día do pleno de hoxe, “hai unha iniciativa  do equipo de goberno (PSOE-BNG) que nos parece moi grave, posto que demostra que ve as residencias provinciais como un carga e non como un servizo básico”. A este respecto, o portavoz popular sinala que “isto prexudica a imaxe institucional e provoca desconfianza nos usuarios e nas súas familias; provoca desconfianza porque é incoherente, porque por un lado a Deputación critica o modelo de residencias da Xunta de Galicia, e, por outra parte, pretende cederlle, a ese modelo que critica, as residencias provinciais. Non só é incoherente, é que, se non fora polo serio do asunto, resultaría verdadeiramente cómico”.

 

Castiñeira está convencido de que “socialistas e nacionalistas tratan as residencias de maiores como xoguetes rotos; son como os rapaces que piden aos Reis Magos regalos moi caros, que costa moito sacrificio que os reciban, e cando os abren perden a ilusión  e déixanos de lado porque se cansaron rápido deles e queren abrir outros novos”. Castiñeira sinala: “Dende o PP pedimos ao goberno provincial responsabilidade, e, sobre todo, que deixe de xogar politicamente coas residencias, das que bastante lucro electoral sacaron xa”.