No PP temían que a área recreativa de Augas Mestas, en Quiroga, seguiría pechada no ano no que estamos, a pesar de que o goberno provincial parecía indicar en xuño do 2020 que a poría en funcionamento. E foi como temían os populares: nada se fixo para aproveitar o ano Xacobeo, tan importante para a provincia en xeral, pero moi en concreto para a Ribeira Sacra. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala á vista da situación: “Esperemos que a señora Pilar García Porto, delegada de Turismo da Deputación de Lugo, non fora a FITUR a falar da área fluvial de Augas Mestas, porque a coincidencia deste desprazamento coas súas desculpas por mantela pechada, nestes días nos que a provincia de Lugo se promociona en FITUR, é ofensiva. Son ofensivas sobre todo as súas desculpas de por que está pechada, porque a realidade é que esta área recreativa está pechada polas inxerencias da propia señora García Porto e especialmente pola pouca vontade política para abrir estas instalacións”.
Castiñeira apunta unha clara intencionalidade do goberno provincial: “Quiroga é un concello gobernado dende hai moitos anos polo Partido Popular e ao goberno da Deputación non lle interesa que ese concello funcione; nós o que pedimos para este concello e para todos os da provincia é que a Deputación axude a que funcionen; os señores do goberno provincial non queren isto porque son sectarios, como o vimos demostrando dende hai moito tempo”.
Castiñeira declara: “Con relación a Augas Mestas temos que lembrar que levamos moito tempo, plenos e plenos da Deputación, falando desta área recreativa e a señora García Porto, erre que erre, que non quere reabrila. Hai uns meses dixémoslle que lle dabamos de marxe o ano 2020, pero que no 2021, ano Xacobeo, tiña que estar aberta; é un ano importante para a Ribeira Sacra. Dixo que farían todo o posible, pero, á hora da verdade, nada de nada; seguimos igual que no ano 2020. Todo pechado”.
Os populares cren que é impresentable que García Porto bote agora a culpa á concesionaria, á empresa coa que non foron capaces de chegar a ningún acordo. Destacan que o goberno provincial “foi incapaz de negociar co resto das administracións, ás que agora queren pasar a pelota”.
Castiñeira sinala: “É unha verdadeira vergonza de xestión da señora García Porto; está moi ben ir a FITUR, pero hai que pasarse o día a día pola provincia, e o día a día son esas instalacións provinciais abandonados que vimos denunciando dende o grupo provincial do PP”.