Partido Popular de Lugo

O PP de Samos insta ao goberno local a facer xestións con entidades bancarias para evitar que o concello quede sen ningunha sucursal

O concello de Samos quedou sen a única sucursal bancaria que tiña. O portavoz municipal do PP, José Fernández Vázquez, considera que a perda deste servizo resulta grave para o municipio, porque deixa aos veciños sen un recurso fundamental para o día a día. Fernández insta ao goberno local a facer xestións diante da entidade bancaria da que dependía a sucursal agora pechada, así como con outras, para intentar que Samos recupere este servizo á maior brevidade posible.

 

Fernández sinala que se, realmente, se levan a cabo os planes para a instalación dun caixeiro automático na casa consistorial, en virtude co convenio establecido entre a Xunta e a Fegamp, a situación mellorará. Pero, en todo caso, entende que non é xustificable que ningunha entidade bancaria teña sucursal en Samos.

 

Fernández sinala: “Os prexuízos para os veciños son moitos; moitas as incomodidades que se lles crean para gran cantidade de accións que se levan a cabo cada día: pagos, retirada de cartos, comprobación de saldos, etcétera”. Considera que “o alcalde ten a obriga de facer as xestións que sexan necesarias para que Samos non quede sen ningunha sucursal bancaria”. Sinala que non é entendible que os bancos non aposten polo rural, para fixar poboación, nin sequera nunha localidade tan significativa no Camiño de Santiago como é Samos.