A xestión económica é un dos mellores espellos nos que mirar a calidade do traballo dun goberno. Sendo así, o goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, queda nitidamente retratado no seguinte dato: a intervención municipal puxo reparos de legalidade á facturas que totalizan 3.393.467,95 euros, unha cantidade moi relevante para un concello como o de Viveiro que ten un orzamento anual de 12 millóns de euros. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que é inexplicable que se dea esta situación, só atribuíble á falta de xestión do goberno local, que leva a que haxa servizos sen contratos ou pagos sen a debida previsión. Os populares piden explicacións para coñecer o porque desta situación e reclaman de Loureiro e do seu equipo a adopción de medidas para que non se dea de novo este problema.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, avisa á alcaldesa da responsabilidade legal que asume ao levantar os reparos de legalidade que pon a intervención municipal para facer fronte ao pago destas facturas, que se contan por centos, ata totalizar máis de 800, de moi distinto importe.
Os populares lembran que tiveron que solicitar a relación de facturas, porque non lles foi facilitada inicialmente. Consideran que é preciso analizar cada un dos motivos dos reparos postos pola intervención, para corrixilos e evitar que se dea de novo esta situación. Óscar Rodríguez di que os provedores ou subministradores de servizos ao Concello teñen que cobrar o máis puntualmente posible, máis aínda nunha situación económica tan complicada como a producida a causa da pandemia por covid 19.
En resumo os reparos poden obedecer, entre outros motivos, a que o gasto se propoña a un órgano que careza de competencia para a súa aprobación, se aprecien graves irregularidades na documentación xustificativa do recoñecemento da obrigación ou non se acredite suficientemente o dereito do seu perceptor; tamén á omisión de requisitos ou trámites que puidesen dar lugar á nulidade do acto, ou cando a continuación da xestión administrativa puidese causar quebrantos económicos á Tesourería da Entidade Local ou a un terceiro.