Partido Popular de Lugo

O PP insta a Tomé a escoitar as queixas dos veciños da zona sur lucense e reparar as estradas provinciais en mal estado, como as LU-P 4707, LU-P 1801 e LU-P 1805

En toda a provincia hai lucenses que están fartos de ter que circular por estradas dependentes da Deputación que están en estado lamentable, con afundimentos perigosos, numerosas e grandes fochancas e sen sinalizar horizontalmente ou malamente sinalizadas. Así o indica o portavoz popular, Javier Castiñeira, que destaca que “o mal estado da rede provincial de estradas non deixa de ser motivo de queixas, que os veciños desta provincia fan chegar ao grupo provincial do PP para que lles dea visibilidade”.

 

Castiñeira di que a zona sur da provincia “está moi penalizada pola inacción do delegado de Vías e Obras da Deputación, o señor Tomé, presidente da Deputación”. Explica: “Referímonos  neste caso a estradas provinciais de concellos do sur da provincia, nos que os veciños ven como o seu conveciño Tomé os ten absolutamente desamparados. Falamos da LU-P 4707, na Pobra de Brollón, que ten o firme totalmente desfeito nalgún tramo, e  das LU-P 1801 e LU-P 1805 en  Chantada, que son un verdadeiro calvario para os seis usuarios”. Os populares pregúntase que fai o delegado de Vías e Obras? E a resposta é que “o señor Tomé, en vez de visitar  esas estradas e velas cheas de fochancas, prefire o olor do alcatrán e da pintura nas inauguracións das poucas reparacións que está a facer das estradas provinciais”.

Javier Castiñeira lembra que “o PP de Lugo pediu na Deputación un plan de estradas, como o que se fixo para o período 2017-2019, para solucionar  este problema a corto e medio prazo; o goberno bipartito opúxose, o que desencadeou a xa famosa protesta dos alcaldes cos cascos”. No PP esperan “que a solución do goberno provincial ao mal estado das súas estradas non sexa a mesma que propón o Goberno de Pedro Sánchez para as autoestradas, que é cobrar peaxes aos usuarios para poder mantelas”. Castiñeira di: “Fóra de calquera comparación, pedimos ao goberno da Deputación que asuma a súa maior competencia, que son as estradas provinciais, e que deseñe e aplique un plan como o que pide o PP, porque a día de hoxe moitas destas vías están en condicións moi lamentables”.