O Grupo Municipal do PP de Láncara lamenta “a falta de apoio ao tecido económico local” que o goberno municipal do PSOE en Láncara demostra sacando a licitación a contratación dos distintos seguros municipais nun único lote por dous anos, prorrogables outros dous. Para os populares “isto dificulta que as distintas empresas locais poidan optar a lograr un contrato para a prestación deste tipo de servizo porque terán que competir coas grandes compañías aseguradoras”.
É por iso polo que o concelleiro popular Arturo Sobrado lle pide ao goberno local ter en conta aos negocios do noso municipio que poidan estar interesados. De feito, explica que “ata o de agora, o Concello contrataba cada un dos seguros por separado -responsabilidade civil e dos distintos vehículos a motor-” e, ao tratarse de contratos menores, “os distintos negocios do sector asentados no termo municipal lancarés tiñan máis posibilidades de resultar os adxudicatarios. En Láncara temos pequenas oficinas de seguros, e tamén sucursais bancarias que ofertan todo tipo de pólizas. Sorprende que dende o Concello non se opte por contratar directamente con elas, xa que ata o de agora, non houbo ningún problema con ningunha, e se abra á posibilidade de que os contratos os leve unha gran empresa que non estea radicada en Láncara. E, por outra banda, sempre é máis doado tratar con alguén coñecido e cercano”.
O popular defende que, “a administración local debe contribuír a dinamizar a economía do municipio” e, polo tanto, critica que “o alcalde diga por unha banda que apoia ao comercio local e, por outra, promova este tipo de actuacións que poden perxudicar aos negocios de Láncara”. Arturo Sobrado agarda que “non pase coma coa carne entregada ás familias para conmemorar a Feira da Tenreira Galega, que podendo mercala a produtores do noso concello, o alcalde comprouna fóra”.
Dinamización económica e asentamento da poboación
Así, os populares critican esta “falta de sensibilidade” do goberno local coa dinamización económica de Láncara porque para o Grupo Municipal do PP é, xunto, á prestación de servizos aos veciños, “un dos piares fundamentais” de cara ao asentamento da poboación. Nese sentido, veñen de apoiar no último pleno, xunto ao resto de grupos da corporación local, unha proposta para que o Concello se dirixa ás entidades bancarias para solicitar a continuidade da prestación deste servizo no municipio e evitar a súa perda. “Non ten moito sentido por unha banda pedir aos bancos que manteñan as sucursais en funcionamento, e por outra non apoiar directamente aos negocios aseguradores locais, abrindo a posibilidade de que o Concello contrate con aseguradoras de fóra”, consideran.