Partido Popular de Lugo

Conde: “O Goberno galego busca o equilibrio entre o desenvolvemento industrial da nosa provincia e o respecto ao medio ambiente”

A máxima dirixente do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, impulsou a celebración dunha reunión cos alcaldes, portavoces e outros representantes populares co obxectivo de “darlles a coñecer de primeira man as actuacións da Xunta en relación a un dos sectores con gran implantación na provincia, o eólico”. Con esta nova reunión de traballo dáse continuidade aos encontros que está a manter a presidenta cos distintos representantes do PP da provincia de Lugo que son “os enlaces para trasladar as necesidades dos veciños ás institucións onde o Partido Popular temos responsabilidades de goberno”. Nese sentido, agradeceu a participación do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, o lucense Francisco Conde, que deu resposta á invitación para trasladar “a máxima colaboración da Xunta cos Concellos en materia eólica”.

 

Os dirixentes populares manifestaron que “o obxectivo do Goberno galego é o de buscar o equilibrio entre o desenvolvemento industrial e o respecto ao medio ambiente”. Os tamén deputados no Parlamento de Galicia recordaron, así mesmo, que a aprobación na Cámara galega da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia “garante que o desenvolvemento do sector eólico en Galicia se fai de xeito ordenado e cumprindo con todos os principios”. Así, lembrou que por exemplo, dentro do marco normativo actual, non se poden desenvolver parques eólicos en Rede Natura.

 

Conde incidiu, ademais, en que “a Xunta aposta polas enerxías renovables e, en concreto, polo sector eólico”. Tendo en conta que “imos camiño dunha economía máis verde e sustentable; o compromiso coas enerxías limpas e alternativas ten que ser total porque dese compromiso vai depender a competitividade da nosa industria e a reactivación da nosa economía”, dixo.

 

O conselleiro aclarou tamén que “o procedemento de autorización dun parque eólico que depende da Xunta conta con todas as garantías xurídicas, técnicas e ambientais”. Ademais, a documentación dos parques que se tramitan exponse publicamente polo que se garante a transparencia para a cidadanía que pode presentar as alegacións que considere oportunas.

 

Información aos Concellos e desenvolvemento ordenado

O vicepresidente económico defendeu que “é fundamental o contacto directo e fluído cos alcaldes”. Nese sentido, dentro deste marco de máxima transparencia e colaboración, a Xunta vén de crear unha rede de información provincial para achegar aos Concellos da provincia de Lugo, antes de proceder á exposición pública dos proxectos, a información dispoñible e o estudo de impacto ambiental; sen prexuízo das propostas e consideracións que este organismo, así como calquera outra persoa ou entidade da zona, poida presentar no trámite de exposición pública ordinario.

 

Conde gabou a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia porque esixe o cumprimento de todas as garantías ambientais e de impacto territorial. Pero, ademais, “parte da base de que os parques eólicos teñen que beneficiar a todos” e “por iso somos unha das tres comunidades autónomas de España que conta cun canon eólico que reverte directamente nos concellos”, puntualizou.

 

Así mesmo, esta norma establece que non se poderán desenvolver parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, a excepción de proxectos que teñan clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social e posúan unha función vertebradora no territorio.

 

Neste sentido, informou que a Xunta de Galicia xa emitiu un informe negativo de catro proxectos eólicos que tramita o Goberno central a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e que se instalarían en cinco concellos da provincia de Lugo. En concreto, trátase dos proxectos de Boura (Abadín), Ventisca (Baleira), Borrasca (Mondoñedo) e Levante (As Nogais e Triacastela).