Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba aposta por “aproveitar os fondos europeos para impulsar un centro de día vencellado a un proxecto asistencial estendido a todo o rural”

O Partido Popular de Vilalba insta ao goberno local a “poñerse a traballar de xeito inmediato na elaboración dun proxecto serio para a dotación dun centro de día que permita optar aos fondos europeos Next Generation cando sexa o momento. Non podemos deixar pasar a oportunidade de traballar e apoiar un servizo necesario para o municipio”.

 

Os populares amósanse favorables a esta proposta e propoñen, ademais, establecer “un novo modelo asistencial de atención aos maiores máis personalizado dando resposta ás necesidades que se presentan a consecuencia da pandemia da covid-19”. Engaden, así mesmo, que “o centro de día debe estar encardinado nun plan de atención aos maiores tamén en todo o rural de Vilalba”. Nese sentido, recordan que “o noso programa electoral xa recollía dar prioridade ao achegamento dos servizos ao rural en lugar da súa concentración no casco urbano”.

 

O Grupo Municipal do PP cre que “o goberno local debe contar con todo o tecido social de Vilalba e con tódolos grupos políticos” porque, segundo explican, “un proxecto destas características precisa dunha importante dotación orzamentaria; pero, ata o momento, o goberno municipal non foi quen de elaborar nin pactar uns presupostos”. Ademais, “estamos a ver o grave problema que amosa para incorporar remanentes e sacar adiante o plan municipal de axudas á hostalería”.

 

Os populares entenden que a Xunta coñece a realidade de Vilalba, un concello extenso con núcleos diseminados de poboación e cun envellecemento pronunciado, e que prestará a colaboración necesaria para o desenvolvemento deste programa de atención aos maiores do noso municipio.

 

Sobre a ubicación dos servizos, lembran dende o Grupo Municipal Popular que “a Xunta xa manifestara a súa intención de ceder ao Concello as instalacións da estación de autobuses. E, no rural, existen moitas instalacións públicas en case tódalas parroquias nas que se poden establecer servizos”.