Partido Popular de Lugo

O PP reclama a Tomé que facilite o teletraballo na Deputación, especialmente ao persoal con fillos en idade escolar ou con persoas dependentes ao seu cargo

O grupo provincial do PP asiste con preocupación á resistencia do presidente da Deputación, o socialista José Tomé, a fomentar o teletraballo en momentos tan complicados como os actuais a causa da pandemia provocada pola covid-19. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Co aumento de casos coincidindo coa terceira ola, dende o grupo do PP pedimos ao presidente provincial, José Tomé, que retome a confianza no persoal da Deputación e facilite o teletraballo. Sabemos o desconfiado que é neste caso o presidente Tomé; proba disto e que tanto en Monforte como na Deputación cando puido eliminar esta posibilidade o fixo e está demostrado que non foi unha boa idea”.

 

Castiñeira manifesta: “Este formato de teletraballo é especialmente  útil, por un lado para evitar contaxios internos, e, por outro, para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores da Deputación. Por iso pedimos que, cando menos, se estableza a posibilidade de teletraballar o 50% da xornada a aqueles traballadores e traballadoras con fillos en idade escolar e persoas dependentes ao cargo, polo menos ata que se normalice a situación”.

 

Á vista de experiencia, os populares ven “que na actual situación da pandemia non foi unha boa idea volver atrás en canto ao teletraballo  e debemos dar esa posibilidade polo menos ata que estea vacinada a maior parte da poboación e especialmente os traballadores da Deputación”.