Partido Popular de Lugo

O PP defenderá na Deputación unha iniciativa para esixir ao equipo de Tomé a reparación de catro deterioradas estradas provincias que comunican Carballedo cos Peares e Chantada

De norte a sur e de leste a oeste da provincia, o mal estado das estradas que dependen da Deputación provoca protestas veciñais, nalgúns casos parece estar detrás dalgúns incidentes de tráfico e con moita frecuencia son causa de danos nos vehículos. O grupo provincial popular, que ten por portavoz a Javier Castiñeira, xa denunciou as deficiencias de numerosas estradas provinciais e hoxe, xunto co alcalde de Carballedo, Julio Yebra-Pimentel (PP), concelleiros e numerosos veciños afectados, pon de manifesto o pésimo estado de catro vías neste municipio e esixe a súa reparación. Son as seguintes: LU-P 1001 (de A Barrela por Castro a Os Peares),  LU-P 1002 (de A Barrela a Cartelos), LU-P 1004 (A Barrela-Os Peares) e LU-P 1010 (de A Touza á Granxa pola presa de Os Peares).

 

O alcalde, Yebra-Pimentel, sinala que o mal estado das estradas cuxa reparación esixen populares e veciños á Deputación non é unha cuestión opinable, senón un feito obxectivo, como o é, di, “que nunca estiveron en tal mal estado”. Destaca que a Deputación ten no municipio de Carballedo un total de 93 quilómetros de estradas e mantén que só, tempo atrás, se levaron a cabo traballos de mellora dos firmes mediante aglomerado en oito quilómetros. “E non se fixo máis, salvo arranxos puntuais para tapar algunha fochanca”. Na mesma liña que as catro asociacións que reclaman a reparación das estradas, o alcalde denuncia que polas deficiencias das infraestruturas se producen avarías nos vehículos.

 

Polo seu lado, o portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, que tamén estivo acompañado do alcalde de Palas de Rei e tamén deputado provincial, Pablo Taboada, sinala: “O grupo do Partido Popular apoia novamente un caso de reclamacións veciñais para mellorar o estado de estradas provinciais. Nesta ocasión son os veciños de Carballedo os que se queixan do mal estado das vías provincias 1001, 1002, 1004 e 1010, que unen este Concello do  sur da provincia con Chantada e os Peares. En total son máis de 50 quilómetros de estradas provinciais, que o presidente da Deputación, José Tomé, ten absolutamente abandonados, como corroboramos no día de hoxe”.

 

Castiñeira considera que “é penoso ver como as queixas dos veciños de Carballedo son desprezadas polo presidente da Deputación, que alega que non teñen sentido e que son  debidas unicamente a que se trata dun concello gobernado polo Partido Popular”. Afirma que novamente  se topa “co sectarismo do bipartito provincial, que os leva a catalogar  aos lucense segundo o color do seu goberno municipal”. Castiñeira explica: “Alega o presidente da Deputación, fronte a estas reclamacións dos veciños, que ten proxectados amaños por valor de 30.000 euros, o cal supón unha burla absoluta e tratar de tontos aos usuarios das estradas provinciais, das que el é responsable máximo; tentan enganalos dicindo que con pequenas obras de mantemento solucionará un problema que é moitísimo máis  grave”.

 

O portavoz popular destaca que “o PP de Lugo comprometeuse nesta visita cos veciños e co alcalde do municipio a levar unha iniciativa ao próximo pleno da Deputación, a celebrar neste mesmo mes, para demandar unha solución para estas estradas  do sur da provincia, nas que se demostra que  o goberno da Deputación desatende á zona rural e aos concellos pequenos”. Di que debido ao mal estado das vías provinciais “chegan á Deputación reclamacións por danos nos vehículos, que vemos  diariamente nos decretos de Presidencia; a mellor  solución para non recibir esas demandas é precisamente  ter as estradas en bo estado, que é o que demanda o PP e o que demandan os veciños de toda a provincia de Lugo”.