Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte reclama que se inclúan na ordenanza que regula o abastecemento de auga os prezos das obras para as acometidas aos edificios

O grupo municipal do PP de Monforte demanda a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo abastecemento da auga, para que se inclúa nela un cadro de prezos unitarios polas obras e instalacións das acometidas da rede aos inmobles, para que os veciños saiban en todo momento canto terán que pagar á empresa concesionaria, Aqualia.

 

A portavoz popular, Katy Varela, explica: “Recibimos varias queixas neste grupo municipal en canto aos custos das obras e extensións de acometidas á rede de distribución de auga potable. No pleno do pasado mes de decembro trasladamos ao alcalde unha pregunta por unha reclamación formalizada recentemente. Neste caso Aqualia presentou un presuposto de obra de 10.296,13 € mentres que outra firma fixouno para a mesma obra en 2.410 €”.

 

Os populares indican que “non é a primeira vez que  o grupo municipal do PP expón no pleno municipal queixas veciñais polos prezos que aplica a empresa Aqualia; os anteriores concelleiros populares xa se fixeron eco desta cuestión en iniciativas presentadas ao pleno”.

 

Katy Varela di que tan grande diferenza de custos, como queda indicado para un caso concreto, deixa clara a necesidade de fixar os prezos na ordenanza.