Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde cre que “xa é hora de abrir a residencia de maiores que leva inaugurada polos socialistas dende o 2015”

O voceiro do PP de Castroverde, Rubén Otero, puntualiza que “xa é hora de abrir a residencia de maiores” e recorda que “foi inaugurada polos socialistas no 2015”. O popular sinala que “lamentablemente aos veciños cóstanos moito crer, despois de moitas promesas incumpridas, que a apertura da residencia chegue a producirse neste mes como anunciou o goberno da Deputación”.

 

O popular lembra que “son xa moito anos os que os veciños e veciñas de Castroverde levan agardando” pola posta en marcha desta dotación socio-sanitaria. Nese sentido, considera que “foi a imposibilidade dos socialistas por poñerse de acordo e xestionar de forma eficaz este importante proxecto para Castroverde o que supuxo o atraso da apertura do Residencial O Castro”. É máis, “a residencia foi inaugurada no 2015 cando aínda non dispoñía de tódolos permisos e autorizacións para comezar a súa actividade”; xa que “SUPLUSA non presentou ata novembro do 2017 a solicitude para a autorización de inicio da actividade” que o departamento autonómico de Política Social concede en xaneiro do 2018 tras revisar cuestións legais e técnicas.

 

Otero sinala que “a prestación de servizos aos veciños debe ser o primeiro; pero, pola contra, os problemas internos do PSOE seguiron a prexudicar os seus intereses”. Así, “o alcalde do PSOE chegou a pedirlle en xullo do 2018 á institución provincial a cesión do edificio e o solar da residencia demostrando a desconfianza cos mandatarios da súa mesma cor política na Deputación”.

 

O popular engade que “coa conformación do novo goberno provincial do que o alcalde forma parte continuamos a recibir promesas cada poucos meses sobre a apertura da residencia que aínda non se cumpriron”. Otero recorda que “en xaneiro deste ano o rexedor local, Xosé María Arias, asinaba co presidente da Deputación de Lugo, o acordo marco de colaboración que recolle as bases do modelo de xestión ao mesmo tempo que anunciaban que estaría en funcionamento antes do verán. Pero ata agosto non asinaron o convenio específico para a súa apertura. Mentres vimos como si abrían os centros de maiores doutros concellos”, puntualiza.

 

O alcalde asegura “non estar seguro” da apertura da residencia neste mes

O voceiro do Grupo Municipal Popular preguntou no último pleno ao alcalde por este asunto ante o que o socialista lle contestaba que “non estaba seguro de que abrise neste mes” debido ao baixo número de solicitudes de prazas.

 

Rehabilitación do centro socio-cultural

O voceiro popular de Castroverde critica tamén que “os socialistas non foron capaces de poñer en marcha unha infraestrutura á que se dirixen importantes investimentos; pero xa anuncian o proxecto doutra que supera os 600.000 euros de investimento”. Así o manifesta en relación ao anuncio da rehabilitación do centro sociocultural de Castroverde poñendo en dúbida “a capacidade de xestión dos socialistas para o desenvolvemento de importantes proxectos de cara á prestación de servizos no noso municipio”.