Partido Popular de Lugo

PSOE, Podemos e os seus socios opóñense a incrementar en 2021 o orzamento para Lugo en máis de 44 millóns ao rexeitar todas as emendas do PP

O PSOE, Podemos e os seus socios opóñense a incrementar en 2021 o orzamento para Lugo en 44,6 millóns de euros ao rexeitar “absolutamente todas” as emendas presentadas polo Partido Popular co fin de “corrixir o desprezo e a discriminación á nosa provincia logo de recortar ou anular partidas moi concretas nas principais infraestruturas e proxectos que o Executivo tiña proxectados para o territorio lucense” e que, polo tanto, “quedan nun caixón. Ao non apoiar as emendas dos populares “retírase aos lucenses o apoio consignado nos anteriores presupostos elaborados polo Goberno de Rajoy a distintos proxectos para a provincia”. Así o manifestaron este sábado os deputados no Congreso -Jaime De Olano e Joaquín García Díez-, e os senadores por Lugo -José Manuel Barreiro e Rosa Arza-.

 

Os populares sinalaron, ademais, que “son uns Presupostos nos que o incremento da fiscalidade repercutirá negativamente no poder adquisitivo da poboación lucense”. Isto débese á suba de 2 puntos porcentuais (do 6 ao 8%) na taxa da prima de seguros xa sexan de vehículos, fogar e decesos e que “afectan á totalidade das familias lucenses”. Suben tamén os impostos de bebidas azucradas (refrescos, zumes, etc.), plásticos coma os do iogur; a Internet, etc. Igualmente, o incremento da fiscalidade afecta á rebaixa da bonificación no IRPF dos plans de aforro como os de pensións que pasa dos 8.000 aos 2.000 euros, é dicir 4 veces menos que ata o de agora.

 

Os representantes do PP lucense nas cortes xerais do Estado apuntaron que “fronte á subida que plantexa o Goberno do Estado, o goberno da Xunta – ao que os galegos votamos de forma aplastantemente maioritaria- non sube impostos, senón que os baixa sempre que se pode”. Por iso se preguntan quen son Sánchez e Rufián para obrigar á Xunta a subir os impostos aos galegos e aos lucenses tal e como pretenden no que denominan “harmonización fiscal”, unha proposta “inaudita” e “dunha gravidade extrema”. Neste sentido, dixeron que: “postos a harmonizar, harmonicemos antes a alta velocidade da que gozan as catro provincias catalás, mentres que a Lugo aínda non chega”. Lamentaron, polo tanto, que “a Cataluña e o País Vasco, non se lles toca; pero a Galicia si”.

 

É por iso polo que lles preguntan aos socialistas da nosa provincia que pensan de que cando hai que decidir que fai o Goberno central en Galicia e Lugo, o señor Sánchez o acorde con Rufián e con Otegi. Sinalan, así mesmo, que “o peso político de Caballero e Tomé é cero. “Sánchez non lles pide opinión, simplemente lles di que aplaudan e o triste para os lucenses é que obedecen” e, polo tanto, “poñen antes a Sánchez que aos intereses dos lucenses”. De feito, esta semana no pleno da Deputación, incluso “Tomé e os socialistas votaron que non a mellorar as infraestruturas que tanto precisa a nosa provincia”.

 

As emendas rexeitadas polo Goberno de Pedro Sánchez, no debate do Congreso celebrado esta semana, foron as seguintes:

 

En infraestruturas viarias:

 

  – PRIMEIRO: autovía da Mariña lucense, a A-74. De forma nominativa, para os treitos San Cibrao-Burela, o PP propoñía 2.599.000 euros; para o de Foz-Burela 2.859.000, para o de Foz-O Carme 700.000 euros e para o treito O Carme-Barreiros 700.000 euros.

 

            – SEGUNDO: para a N-VI, en Outeiro de Rei, propoñíanse 350.000 euros para a mellora da seguridade vial e a glorieta P.k 213, nesta localidade.

 

            – TERCEIRO: para o intercomunicador A-54 e N-540, en Guntín, que estaba consignado en pasados exercicios e non figuran nos presentes, 2.500.000 euros.

 

            – CUARTO: para a circunvalación de Monforte de Lemos, enlace Monforte este-Barrela, 422.290 euros; pedíase a mesma cantidade que figuraba en 2019 para impulsar a autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada.

 

            – QUINTO: para a autovía Lugo-Ourense, propoñíase seguir impulsando esta infraestrutura que vehicula a provincia de Lugo dende a capital ata Ourense.

 

En materia ferroviaria, os populares consideraban preciso actuacións para impulsar o tráfico por ferrocarril na provincia, como as que se indican:

 

            – PRIMEIRO: incrementar a partida de renovación da liña Monforte-Lugo con 10 millóns de euros, xa que a consignación proposta para o ano 2021 está moi lonxe do custe total de dita actuación e acumula un retraso considerable dende hai anos.

 

            – SEGUNDO: habilitar unha partida de 20 millóns de euros na antes denominada electrificación Monforte-Lugo.

 

            – TERCEIRO: 2.500.000 euros para a renovación da liña Vegadeo-Ferrol, que afecta ás provincias de Lugo e de A Coruña.

 

En materia de augas e transición ecolóxica, o Partido Popular defendeu o impulso con redacción de proxectos novos para:

 

            – PRIMEIRO: o saneamento e depuración dos concellos de Monforte de Lemos, Castro de Rei, Portomarín e a eliminación de pluviais e tanque de treboadas en Chantada para o que se propoñía a necesidade de contar cunha partida adicional de 1.400.000 euros.

 

            – SEGUNDO: en concordancia, tamén se consideraba preciso declarar de interese xeral do Estado dito saneamento e depuración de Monforte de Lemos, Portomarín, Chantada, Castro de Rei e o saneamento de Vilalba; imprescindible esta declaración para garantir o correcto saneamento en poboacións de 5.000 habitantes e cumprir a directiva 41/271 sobre o tratamento de augas residuais urbanas.

 

En materia de interior, destacaban a inclusión de 300.000 euros para a construción da nova comisaría de Lugo, co fin de cumprirse os compromisos adquiridos en anos anteriores respecto destas instalacións e para que a cidade conte con estas dependencias.

 

Os deputados e senadores do PP de Lugo tamén sinalaron que as emendas presentadas polo distintos partidos políticos no Congreso foron afrontadas de forma diferente. “O PP votou a favor das emendas presentadas polo BNG porque consideramos que eran boas para o conxunto dos lucenses”; mentres que “o BNG votou en contra das nosas propostas só por ideoloxía”. Cren, nese sentido, que “o BNG non está a ser a voz dos galegos en Madrid”. Ademais, advertiron de que “Ciudadanos só presentou 3 emendas e Vox, ningunha. Estivo de vacacións estes días”, ironizaron.

 

A Xunta, a que máis inviste por cada lucense

Os populares recordaron este sábado que “os orzamentos da Xunta recollen un investimento para Lugo – a provincia galega con maior investimento por habitante- que é 14 veces superior ao do Goberno e 17 veces máis que o que inviste a Deputación”.