O voceiro do Grupo Municipal do PP da Fonsagrada, José Luís Regueiro, asegura que “o BNG non só é responsable da elección do actual alcalde; senón que tamén é cómplice da falta de transparencia na xestión por parte do actual goberno local que eles mesmos critican”. Así o manifesta o popular tras saíren adiante as propostas da alcaldía sobre a conta xeral do 2019 co voto favorable do BNG e a transferencia de crédito entre partidas con diferente área de gasto “grazas á súa abstención”.
Regueiro explica que “era a segunda vez que o goberno do PSOE trasladada ao pleno da corporación estas dúas propostas que en sesións anteriores non saíran adiante porque o BNG votou que non, pero agora cambiou o seu voto”. A este respecto, o popular recorda que “fai dous meses a concelleira nacionalista manifestaba no pleno -tal e como recolle a acta- que non estaba de acordo con moitas das políticas e que demandaba maior transparencia na xestión municipal” e por iso critica que “facilitase que saian adiante as propostas do goberno local. Está a apoiar a un goberno pouco transparente”, sinala.
Oposición atada de pes e mans
Por outra banda, o voceiro do PP local critica que “estamos atados de pés e mans” e, como oposición, “o único que podemos facer é buscar as cousas que están mal para sacarlle as cores ao goberno local”.
Regueiro explica que “as propostas do Grupo Municipal Popular referentes á organización do Concello non se poden debater porque o alcalde considera que son rogos”. Polo tanto, lamenta que “non podamos votar que se fagan cousas pola Fonsagrada”.
Os populares pediron no pleno deste martes a convocatoria da comisión de contas coa finalidade de elaborar o Orzamento municipal 2021, a modificación da ordenanza reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público e a creación dun inventario de bens mobles e inmobles de titularidade municipal.
“Cinismo” do PSOE en materia de emerxencias
En relación á proposta de estudar a posible creación dun mini parque de bombeiros para A Fonsagrada e a súa comarca, os populares votaron a favor porque “sempre estaremos a favor de tódolos servizos que veñen para o noso concello”. É máis, Regueiro instou ao alcalde a facer unha solicitude formal solicitando de novo un Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). A proposta foi rexeitada polo alcalde.
O voceiro popular criticou, a este respecto, “o cinismo do goberno socialista por ter despedido a 12 traballadores do GES con medios do Concello e, polo tanto, de tódolos veciños e darse conta agora de que hai carencias en materia de emerxencias”.