Partido Popular de Lugo

Os populares de Trabada denuncian a “absoluta deixadez” do goberno local no mantemento de estradas e instalacións municipais

O portavoz do PP de Trabada, José María Fernández, denuncia a “deixadez total e absoluta por parte do grupo de goberno e a alcaldesa de Trabada” en relación ao “mantemento das estradas municipais e das instalacións de titularidade municipal”. É por iso polo que dende o Grupo Municipal Popular demandan actuacións urxentes para mellorar as estradas que presentan fochancas ou aquelas estragadas pola choiva que supoñen un risco para os seus usuarios; así coma para acondicionar outras instalacións que son competencia do Concello.

 

Nese sentido, o popular sinala tamén como exemplos de “total abandono” o actual estado no que se atopan as instalacións deportivas como é o caso do pavillón de Sante que se atopa sucio, con maleza e, o que é máis grave, presenta graves deficiencias na súa entrada. “A única entrada coa que conta o pavillón non é accesible nin para os carriños dos nenos nin para persoas con mobilidade reducida”, explica Fernández. Ademais, hai elementos perigosos ao seu arredor coma canles mal tapadas ou restos que non foron retirados procedentes de obras de demolición dun alpendre para facilitar a apertura dunha segunda entrada que aínda está sen construír. “Non foron recollidas as uralitas e incluso hai ferros que sobresaen das paredes”, segundo alerta o voceiro popular.

 

Igualmente, o parque infantil da mesma localidade tamén se atopa en mal estado de conservación con elementos rotos ou o campo de fútbol de Trabada e as inmediacións do colexio público do municipio que se están sen rozar e acondicionar.

 

Isto demostra para o voceiro do Grupo Municipal do PP que “a alcaldesa está a todo menos ao que ten que estar”. Lamenta Fernández que “o goberno local manteña descoidado o noso municipio” polo que considera “unha falta de previsión na súa xestión”. Explica o popular que “estas tarefas débense realizar de xeito periódico para evitar chegar ao estado de abandono no que se atopan agora a final do verán”.