Partido Popular de Lugo

O PP acusa a Tomé de eludir as súas responsabilidades na loita contra os contaxios de covid-19 en Monforte

A política é un proceso de toma de decisións que afectan a unha comunidade, con fin, dito en resumo, de mellorar a vida dos membros desa comunidade. Cando a política se reduce á busca de confrontación permanente co rival, perde a súa esencia, ao perder o compoñente de xestión. E iso é o que fai o alcalde de Monforte, en opinión da portavoz popular, Katy Varela, que asegura que viu rotundamente confirmada esta opinión no transcurso da máis recente reunión do Consello Municipal de Saúde, na que se deberan decidir cuestións moi importantes á vista do alcance dos brotes de covid-19 no municipio de Monforte. “Tomé desviou o tema en canto se abordaron cuestións que afectan ás súas competencias como alcalde,  para intentar converter a reunión nunha sucesión de ataques ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, declarou Varela.

 

A portavoz popular, á vista de que o alcalde non tiña interese en falar do asunto que máis preocupa hoxe aos monfortinos, abandonou a reunión cando Tomé desviou as súas intervencións a criticar a Feijóo en relación con Alcoa. “Chegou un momento en que Tomé instalouse nun nivel de escaqueo intolerable: pedíanlle máis desinfección das rúas e el dicía que xa se fai, cando non é verdade, polo menos non nos niveis que son necesarios; pídenlle que a Policía Local vixíe o cumprimento das normas sanitarias contra os contaxios e di que non é competencia súa, pese a que o artigo 25 da Lei de Bases de Réxime Local di que é competencia municipal a vixilancia da salubridade pública”. A este respecto, a portavoz popular dixo: “Iso implica tamén que, en situacións como a que estamos a vivir, o Concello leve a cabo todas as medidas necesarias, neste caso, para evitar un rebrote ou, en caso de que se produza, frear a súa propagación; son intolerables tantas evasivas da súa responsabilidade no momento que estamos a vivir”.

 

Por outro lado, Katy Varela detecta unha preocupante falta de lealdade no goberno municipal en relación co PP. Así, sinala que a concelleira Gloria Prada díxolle inicialmente que estaba satisfeita coa comunicación coa autoridade sanitaria, é dicir, coa Xunta, e posteriormente saíu na prensa achacando á Xunta déficit de comunicación. A portavoz popular faise esta pregunta: “Por que non queren colaborar nun momento tan delicado e seguen instalados na crítica electoral a Feijóo?”.