Hai silencios prudentes e outros que resultan atronadores. Desta última clase é o que mantén o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, fronte ao intento do Goberno presidido por Pedro Sánchez de apropiarse do aforro, dos remanentes, dos concellos e das deputacións. Tanto silencio sobre tan relevante cuestión “preocupa seriamente no PP, porque a provincia non pode prescindir do aforro da Deputación, que ten que dedicarse a resolver as moitas necesidades que hai en Lugo e máis á vista da situación que provocan os rebrotes da covid-19”. Así o indica o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, que insta a Tomé a manifestar con claridade unha posición contraria aos planes do Goberno de Pedro Sánchez e sinala: “Pedimos unha decisión inmediata e que o goberno da Deputación pense nos lucenses e na autonomía provincial; esperamos que non se pregue aos intereses do Partido Socialista e que poña por diante os de todos os lucenses”.
Castiñeira di: “É necesario que Tomé diga aos lucenses se está disposto a aceptar mansamente que o Goberno se apropie dos seus aforros, ou se, pola contra, está disposto a defender os remanentes, eses cartos que tanto necesita a provincia”. Engadiu: “Está avanzado xa o ano; é o momento de empezar a preparar o proxecto de orzamentos para 2021, tendo en conta o Plan Único e a necesidade de levar a cabo inversións importantes que están comprometidas, como son as residencias de maiores de varias localidades, e necesítanse os aforros de todos os lucenses para poder levalos a cabo”. Engade que “o remanente se viña utilizando para convenios con concellos, fin para o que este ano se dedicaron catro millóns”.
Os populares din que hai indicadores que fan temer que os socialistas de Lugo prefiran calar e deixar que o Goberno faga o que lle pareza mellor neste asunto. A este respecto, Castiñeira declarou: “O presidente Tomé, no Concello de Monforte, parece que como alcalde fixo algo diferente ao que fai na Deputación, e anticipándose a esta posible decisión fixo uso do seu remanente”. Castiñeira recoñece que no PP “inquieta a falta de posicionamento do goberno da Deputación con respecto á incautación, a ese saqueo pactado do remanente das entidades locais”.