Partido Popular de Lugo

Óscar Rodríguez: “O plan municipal contra a crise en Viveiro e un corta e pega das máis de 20 medidas propostas polo PP”

“A alcaldesa de Viveiro ofrece aos veciños un plan de intervención municipal para paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19 que lle debe ao PP o que ten de bo, e a incapacidade da alcaldesa, todo o demais, como, por exemplo, unha evidente falta de previsión para executalo”. Este o resumo que fai o portavoz do PP no Concello de Viveiro, Óscar Rodríguez, do conxunto de medidas anunciado polo goberno municipal fronte aos distintos perfiles da crise sanitaria e as súas consecuencias económicas.

 

Na reunión de portavoces mantida a finais desta mañá, Rodríguez expresou unha vez máis a vontade de colaboración leal e traballo dos concelleiros do seu grupo. Pero tamén deixo claro que a alcaldesa, María Loureiro, e o seu equipo, non teñen ningún desexo de contar co Partido Popular. “A mellor demostración do que dicimos é o conxunto de medidas que acaba de presentar o goberno municipal. Son practicamente un corta e pega das máis de vinte propostas que presentamos os concelleiros do PP, formalmente, por rexistro, pero non se contou con nós para nada”.

 

Óscar Rodríguez di que, sendo as medidas anunciadas, na súa maior parte, as propostas polo PP, non é fácil de entender que non se consultara aos autores das iniciativas para preguntar, polo menos, como cren que se deben executar. “Ademais de cortesía política elemental, algo do que anda moi escaso o goberno municipal, sería o lóxico dado que foi o PP o que pensou cales podían ser as medidas máis eficaces para paliar os efectos da crise; e foron feitas pensando en que foran viables, executables tendo en conta os recursos de que dispón o Concello de Viveiro”.

 

Rodríguez tamén declarou: “Os socialistas, polo menos en Viveiro, teñen un grave problema: carecen de ideas para gobernar. É algo que se aprecia mes a mes. Cando non están paralizados, reaccionan tarde e mal, e sempre mirando a ver que lles din na Deputación, que, como xa está sobradamente demostrado, tamén está especializada en chegar tarde para solucionar os problemas da provincia”.

 

Pese a todo, o portavoz do PP insiste: “A nosa vontade de colaboración, a nosa decisión de sumar nun momento tan difícil como este, é firme e non se vai alterar porque a alcaldesa e o seu equipo escapen de reunirse con nós máis que cando é absolutamente inevitable. Agradecémoslle o recoñecemento da calidade das nosas propostas, pero queremos axudar para levalas a cabo, porque, nós, que as deseñamos, sabemos que son as que necesita Viveiro. Pero, claro, dito con todo o respecto, se as aplican vostedes sen axuda, moito nos tememos que non dean os resultados desexables”. “Seguimos esperando que cambie de actitude e seguimos tendendo a man para colaborar”, di Rodríguez.