“O BNG pide en Sarria o que non fai na Deputación”, asegura o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, á vista de que non consigue que o presidente da institución, o socialista José Tomé, atenda as reiteradas solicitudes dos deputados populares para que convoque unha reunión da xunta de portavoces, co fin de analizar a situación na que se atopa a provincia, a causa da crise sanitaria, e estudar as medidas a aplicar para a reactivación da economía lucense. Castiñeira insiste en demandar do presidente da Deputación que convoque a reunión solicitada, porque “a provincia necesita do traballo de todos, das ideas de todos; nós, pese á falta de cortesía que demostra o señor Tomé, seguimos tendendo a man, e esperamos que o Bloque faga valer o seu peso como socio de goberno para que convenza ao presidente de que convoque a xuntanza que reclamamos”. Estas declaracións foron efectuadas despois da reunión, por vía telemática, celebrada na mañá de hoxe polos deputados provinciais populares coa presidenta provincial do PP, Elena Candia, na que, entre outros asuntos, se abordou o intento do presidente da Deputación de silenciar á oposición, é dicir, ao PP.
Javier Castiñeira recorda que o portavoz do BNG, Efrén Castro, solicitou no Concello de Sarria unha reunión como a que o PP reclama na Deputación. “Polo tanto, no PP non entendemos porque non lle di a Tomé que convoque á xunta de portavoces, porque o que pedimos é o mesmo que el pediu en Sarria”. O mesmo representante popular suxire cal pode ser a causa do silencio do BNG na Deputación: “Todo indica que, neste caso, coinciden aparencia e realidade; e o que se ve é que o BNG na Deputación está absolutamente tapado polo PSOE, por Tomé, e que a súa capacidade de decisión e protagonismo é realmente moi baixa. Igual non é así, e sería unha boa maneira de demostralo que instase a Tomé a convocar a reunión que pedimos. Se non o fai é porque, realmente, as cousas son como parecen e o BNG pinta pouco na Deputación; sexa como sexa, chama moito a atención que o BNG permita esta falta de respecto do presidente a un grupo da corporación”.
O portavoz popular tamén dixo: “Non consigo acostumarme a esta capacidade que teñen o PSOE e o BNG para dicir unha cousa cando están na oposición e facer xusto a contraria en canto teñen responsabilidades de goberno”.
Castiñeira lamenta o seguidismo que fai Tomé da maneira de estar en política do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. “No ámbito provincial, Tomé fai o mesmo que Sánchez: tensar a vida política intencionadamente para tratar de sacar réditos partidistas”. Dixo tamén: “Nós fixemos moitas propostas para reactivar a vida económica da provincia despois da pandemia, e queremos debatelas cos outros grupos e axudar a poñer en marcha as medidas precisas para conseguilo. Por enésima vez solicitamos a convocatoria dunha reunión da xunta de portavoces, e esperamos que o BNG esta vez convenza a Tomé de que atenda a nosa solicitude”.
Javier Castiñeira di que a reunión da xunta de portavoces é aínda más importante debido a que o presidente da Deputación, noutro xesto máis de desinterese pola participación democrática, non convocou sesión plenaria ordinaria no pasado mes de abril. “Está claro que Tomé non fixo nada de canto deixou ver que faría cando tomou posesión do cargo”.
O portavoz popular insiste en que, como propuxo o seu grupo, é necesario convocar aos representantes do tecido produtivo para determinar cales son as accións máis relevantes para reactivar a economía provincial.