Partido Popular de Lugo

O portavoz popular expuxo telefonicamente aos de PSOE e BNG as razóns polas que reclama incrementar o Plan Único en 700.000 euros

O portavoz popular do grupo provincial popular, Javier Castiñeira, contactou esta mañá telefonicamente cos seus homólogos nos grupos do PSOE e do BNG na Deputación para dialogar con eles acerca das emendas do PP ao Plan Único 2020, que se debaterá maña no pleno da institución provincial, que, como pediu insistentemente o PP, se celebrará por vía telemática.

 

Castiñeira explicou que decidiu chamar por teléfono á socialista Pilar García e ao nacionalista Efrén Castro porque, debido ao confinamento obrigado pola pandemia provocada polo coronavirus, non é posible manter unha reunión presencial pese a que as cuestións a abordar no pleno de mañá teñen unha especial relevancia para os concellos da provincia e reclaman dos representantes institucionais un esforzo sincero de acordo, de consenso. O representante popular agradeceu a García e Castro a atención que lle prestaron e o bo ambiente no que se desenvolveron as conversas.

 

Ao fío de ditas conversacións, Castiñeira destacou que as emendas populares teñen un dobre obxectivo. Por un lado, lograr que o Plan Único teña unha maior dotación orzamentaria, moi necesaria na actual situación de crise sanitaria e diante das dificultades económicas que se derivarán dela a moi curto prazo. Por outro lado, os populares consideran preciso ampliar o prazo que se lles da aos concellos para facer os trámites; neste sentido, lembrou que o confinamento para evitar contaxios altera moi notablemente as dispoñibilidades de persoal nos concellos e que a tramitación do Plan Único supón para moitos deles a maior carga de traballo administrativo de todo o ano.

 

O portavoz popular dirixiuse aos do PSOE e do BNG porque está convencido de que nas actuais circunstancias é preciso sumar, tratar de buscar os puntos de encontro posibles entre as distintas forzas políticas para sacar adiante os asuntos públicos máis relevantes. Considera que o Plan Único é un deses asuntos. Pero os populares entenden que é preciso incrementar o presuposto en 700.000 euros, ata alcanzar os 22 millóns de euros; nesta liña destacan que o montante total do plan non se incrementou con respecto ao seu deseño inicial antes do comezo da crise sanitaria. En canto ao prazo que se fixará aos concello para facer os trámites, os populares cren que debe ampliarse nun mes.