Os senadores populares pola provincia de Lugo veñen de rexistrar no Senado unha pregunta en relación ás medidas preventivas adoptadas polo Goberno do Estado para garantir na provincia de Lugo a protección e a saúde dos empregados de notarías, xulgados, rexistros da propiedade e prisións ante a alerta sanitaria provocada polo Covid-19.
Os senadores do PP lucense trasladan ante a cámara alta esta iniciativa ante as declaracións de funcionarios de prisións dos centros penitenciarios de Monterroso e Bonxe sobre a escaseza de material de protección contra o coronavirus que permita realizar o seu traballo diario segundo as recomendacións sanitarias para a prevención do contaxio por Covid-19.
Os representantes do PP lucense no Senado pretenden coñecer, deste xeito, de forma pormenorizada o alcance das medidas tomadas polos Ministerios de Xustiza e Interior do que dependen estes órganos e institucións de cara á protección da saúde dos seus traballadores e funcionarios públicos.
Os senadores populares pola provincia de Lugo están a interesarse pola adopción e o seguimento das medidas implementadas polo Goberno central para a xestión da crise sanitaria provocada polo coronavirus que afectan, especialmente, á provincia de Lugo.