30, xaneiro, 2020. O deputado popular mariñán no Parlamento galego, Daniel Vega, visitou este xoves o local social da parroquia vicedense de San Román onde mantivo un encontro coa Asociación de Mulleres Rurais de San Román na que tamén tomou parte o rexedor local, Jesús Novo.
O popular continúa así a escoitar a representantes de distintos colectivos da comarca de cara a coñecer de preto as súas necesidades e poder dar traslado das súas propostas nas institucións “tal e como nos temos comprometido dende o Partido Popular e como representantes dos nosos veciños e veciñas”.
Vega puxo en valor a actividade da asociación que contribúe a “dinamizar o rural” durante a reunión que tivo lugar na antiga casa escola que o Concello ten cedido a dous colectivos para usos sociais. Na actualidade, está sendo dotada de mobiliario grazas aos traballos de carpintería e moble que están a desenvolver os alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Terras do Sor III.
Esta iniciativa promovida polo Concello do Vicedo -en conxunto cos de Ourol e Muras- conta, para o seu desenvolvemento, cun investimento de 336.500 euros por parte da Xunta e permite formar a un total de 20 persoas en situación de emprego ao mesmo tempo que lle ofrecen un contrato de traballo. Vega subliñou a este respecto “o esforzo inversor do goberno galego na formación para o emprego” e recordou que o Executivo autonómico dirixiu un total de 1,18 millóns de euros para o desenvolvemento de catro obradoiros -un deles de garantía xuvenil dirixidos a menores de 30 anos- na comarca que involucraron a sete concellos.