Viveiro, 29 de xaneiro de 2020. En decembro do ano pasado, o pleno de Viveiro aprobou, a proposta do grupo municipal popular, unha moción na que se instaba ao goberno local a solicitar a concesión do peirao vello a Portos de Galicia, «para a súa posterior regularización, facéndose cargo do mantemento, vixilancia e urbanización, podendo así dispoñer deste espazo de forma axeitada ás necesidades da cidade e dos cidadáns». Para coñecer que fixo o equipo que preside a socialista María Loureiro, os concelleiros populares presentarán preguntas para que sexan respondidas na próxima sesión plenaria.
Os grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez quere saber que xestións fixo ata o momento o goberno municipal para executar a moción para tramitar a cesión de uso ao Concello do peirao vello. Os populares interésanse por coñecer se desde o goberno municipal houbo algún contacto ou negociación cos representantes de Portos para conseguir o citado fin. No caso de ser así, os concelleiros queren recibir información de cando se produciron as negociacións, por que vía se levaron a cabo e en que quedaron.
Os concelleiros populares queren saber tamén se houbo algún intercambio de documentos en relación con este asunto e se hai algún proxecto ou borrador de acordo ou convenio entre as dúas partes. De habelo, queren coñecer tal documento e tamén se houbo algún tipo de comunicación ao respecto da súa aceptación ou posible modificación.
Óscar Rodríguez sinala que, incluso para un goberno instalado na parálise como é o de Viveiro, é unha obriga o cumprimento dos acordos adoptados polo pleno, incluídos, como é o caso, os derivados de mocións presentadas polos grupos políticos. É unha obriga legal, aínda que algúns socialistas teñan certa tendencia a facer interpretacións singulares ao respecto, e tamén unha obriga política; incluso é unha obriga de estética política, porque ¿que credibilidade pode ter unha institución que non cumpre os acordos que adopta?
Na moción fechada en decembro pasado, os populares sinalaban: «Dende hai máis de 20 anos, veñen facéndose xestións para liberar o Peirao de Viveiro das distintas infraestruturas que non tiñan uso portuario e afeaban notablemente a fachada marítima de Viveiro. Dita tramitación prolongouse no tempo debido a distintos expedientes xudiciais que o fin foron resoltos de xeito favorable. A Xunta de Galicia fíxose cargo de tódolos gastos de distinta índole, así como de acometer as actuacións pertinentes como o derrube de antigas estruturas e acondicionamento do solo, para que, a día de hoxe, constitúa a zona de aparcadoiro mais importante da cidade, sendo de utilidade para o sector servizos, area comercial e habitabilidade do casco histórico, entre outros».
O PP entende que é preciso que este ámbito urbano estea directamente baixo a xestión do Concello e para iso é preciso que sexa executado o acordo polo que se instou ao goberno local a facer as xestións oportunas para conseguir a cesión de uso.