1, febreiro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Gonzalo Caballero está cada día máis só, incluso dentro do seu partido. Así se expresaba nunhas declaracións realizadas aos medios en Lugo nas que tamén estivo acompañado pola presidenta provincial, Elena Candia, e polo vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano.
Alí, o número dous dos populares galegos referiuse aos cartos do IVE que o Goberno central lle adebeda á nosa Comunidade e manifestou que a mellor idea que pode ter o secretario xeral do PSdeG para Galicia é que o Executivo de Pedro Sánchez pague o que nos debe. “E para iso non fai falta celebrar ningún laboratorio de ideas”, engadiu.
Como precisou Tellado, Caballero debería abandonar a súa estratexia de traizón aos intereses de Galicia e de servilismo cara o Goberno central para escoitar á xente do seu partido, aos “socialistas sensatos” como os de Lugo, Santiago ou A Coruña que reivindican que hai que pagar os cartos que son de todos os galegos e que esixen que Sánchez cumpra as súas obrigas.
De igual xeito, lamentou que o presidente do Goberno continúe castigando a Galicia e a Lugo, por iso os populares reuníronse esta mañá con senadores e deputados nacionais para tratar temas tan importantes como a negativa do Executivo central a aprobar Estatuto electrointensivo, cando xa non teñen escusas e maila que haxa 5.000 postos de traballo en xogo que dependen desta industria.
Ademais, o secretario xeral tamén cuestionou o abandono ás infraestruturas ferroviarias da nosa Comunidade, sinalando a liña de ferrocarril Lugo-Ourense e o desmantelamento do servizo de venda de billetes en Burela, Sarria e Viveiro. Nese senso, recoñeceu que, aínda que Ábalos pareza saber máis de avións que de trens, os populares queren deixarlle claro que Galicia ten que contar con servizos de ferrocarrís similares aos que existen dende hai moito tempo noutros territorios de España.
“Ao Goberno de Sánchez pouco ou nada lle interesa Galicia pero non aceptaremos ser menos que os demais”, subliñou facendo fincapé en que solicitarán que atenda ás necesidades e demandas da Comunidade porque “non hai españois de primeira e de segunda”. “Esiximos solucións aos problemas que xerou o propio PSOE”, destacou.
O EXERCICIO DE IRRESPONSABILIDADE DE CABALLERO
Por outra banda, Tellado cuestionou a actitude de Gonzalo Caballero no seu intento de facer campaña manchando a imaxe da Sanidade pública galega. “Lamentamos que intente desprestixiala con tal de conseguir un puñado de votos”, dixo ao tempo que salientaba que, malia as mentiras do secretario xeral do PSdeG, os galegos nunca contaron cunha Sanidade mellor que a de hoxe.
Segundo manifestou, a Sanidade é unha prioridade para o Goberno galego, de feito, invístese nela máis que nunca -un orzamento de 4.120 millóns de euros, o 40% do gasto público da Comunidade cada ano-, hoxe contamos coas listas de espera máis baixas, con máis actividade cirúrxica e con máis infraestruturas. Sobre isto, lembrou que, nos últimos dez anos, construíronse para atención primaria 54 novos centros de saúde a pesar de que cando o PPdeG chegou á Xunta tivo que facer fronte á crise na que deixou sumido ao país o Executivo de Zapatero.
“Temos unha das mellores sanidades de públicas de España”, insistiu afeando o exercicio de irresponsabilidade sen precedentes que fai Caballero, ao que cualificou como o “palmeiro oficial de Sánchez en Galicia”. “O PSdeG non necesita este tipo de secretario xeral”, sentenciou.