Partido Popular de Lugo

Carlos Armesto puxo en valor a “experiencia do PP á fronte do Goberno local”

24, maio, 2019. O candidato do PP á alcaldía do Saviñao, Carlos Armesto, puxo en valor a xestión dos populares e a súa experiencia de Goberno no municipio de cara á cita coas urnas do vindeiro domingo nun mitin que se celebrou no auditorio municipal de Escairón e que contou coa presenza do senador popular pola nosa provincia, José Manuel Barreiro, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

 

O alcaldable popular e secretario xeral do PP lucense recordou os investimentos dos que se viu beneficiado O Saviñao por parte do Goberno popular de Feijóo na Xunta, así coma aqueles que logrou recibir o municipio tras a posta en marcha do Plan Único da Deputación grazas ás xestións do Grupo Popular Provincial. Pola contra, censurou “o castigo ao noso concello e aos nosos veciños por parte do Goberno do PSOE na Deputación antes da implantación deste plan”.

 

Infraestruturas, servizos e redución de impostos

Armesto, que deu a coñecer nos últimos días o programa electoral aos veciños e veciñas xunto aos demais membros da candidatura popular, citou durante a súa intervención algunhas propostas de cara ao vindeiro mandato. Algunhas delas foron a construción de novas infraestruturas coma o centro médico, a residencia da terceira idade e centro de día ou a Casa da Xuventude; ademais da reforma do pavillón municipal e a ampliación do polígono industrial.

 

O candidato popular á alcaldía anunciou tamén unha baixada de impostos, a creación dun plan de emprego municipal, a implantación do servizo de Xantar na Casa, a reforma e ampliación dos parques infantís; así coma a creación dunha ludoteca con servizo de custodia.

Tamén sinalou como prioritarias no seu proxecto as dotacións de servizos para o rural, a mellora das estradas municipais, a creación dunha oficina de asesoramento ao sector primario e a organización da primeira festa da vendima da Ribeira Sacra.