Partido Popular de Lugo

Rouco aposta porque Burela xere emprego, riqueza e asente poboación, creando solo empresarial e incentivos fiscais para novas empresas

Burela, 23 de maio de 2019.- “A partires do día 26, se somos a opción de goberno elixida polos veciños e veciñas da nosa vila, apostaremos forte para que en Burela se cree emprego, se xere riqueza e se fixe e asente poboación: non chega con slogans nin con boas palabras, hai que procurar que non pechen ou fuxan empresas, e hai que facilitar que aquelas que busquen asentarse se decidan por este concello. En definitiva, garantiremos que as empresas atopen facilidades para asentarse en Burela”. Así o indica o alcaldable popular, Manuel Rouco, quen sinala que “un dos nosos obxectivos é que o noso municipio deixe de perder empresas, que se van a outros concellos, e mirar de atraer aquelas que estean pensando onde asentarse”.

Por iso, adianta, “incentivaremos fiscalmente ese asentamento, acolléndonos ao programa de ‘Concellos emprendedores’ posto en marcha pola Xunta de Galicia. Para iso, traballaremos para desenvolver o solo empresarial que hai no Plano Xeral de Ordenación Municipal: o primeiro que demandan as empresas é solo para asentarse e pouco gasto fiscal”.

Para o candidato popular, os incentivos fiscais pasan por revisar á baixa todos os impostos e taxas dependentes da entidade local que afectan á actividade empresarial. Deste xeito, considera que toda rebaixa impositiva e fiscal que faga o Concello sobre as empresas significará maior capacidade das mesmas para a xeración de emprego.

Manuel Rouco considera que a incorporación de Burela ao programa de ‘Concellos emprendedores’ ou programa ‘Doing bussines’ da Xunta de Galicia só pode traer beneficios para as empresas e para o concello. Tal é así que as PEMES atoparán menos fiscalidade municipal, e o concello non perdería ingresos, xa que, sinala, “o que se perde por un lado gañaríamolo por outro, ao aumentar as empresas abertas e asentadas en Burela. Por outro lado, a Xunta discrimina positivamente nas súas subvencións aos ‘concellos emprendedores’, co que as vantaxes para o concello son evidentes”, afirma.

O PSOE non fixo nada co polígono

Rouco lamenta que “Llano non fixera nada en relación co parque empresarial do Perdouro”. Proba delo, é que só hai un par de documentos ao respecto no Concello, un deles que xa deixou o goberno do PP en 2015; “sobre este asunto, Llano nada fixo”. Pero é que ademais o PSOE e o BNG rexeitaron na sesión plenaria do 30 de novembro de 2017 unha moción do PP sobre a inclusión do noso concello no programa ‘Concellos emprendedores’, chegando a dicir o candidato socialista que se estaba estudando a viabilidade de adhesión; “o que nos leva a comprobar que, unha vez máis, enganou á cidadanía porque non se fixo ningún estudio ao respecto”, sentencia.

 

O candidato popular á alcaldía sinala que este municipio “non pode perder o tren do futuro”. “Burela nestes momentos está estancada, deixou de ser o motor demográfico da Mariña, a pesar de ter unha media de idade das máis baixas de Galicia. E en canto a facilidades para asentamento de empresas, hai concellos que claramente nos están a coller a dianteira por culpa de Llano, do PSOE e do BNG. Polo tanto o desenvolvemento de Burela debe de ser unha realidade e non só unha promesa”, insiste.

Remodelación estacións de autobuses

Noutra orde de asuntos, Manuel Rouco tamén quere poñer en valor o investimento que fará a Xunta de Galicia na remodelación integral da estacións de autobuses. Son en total 70.300 euros, cos estas instalacións mellorarán notablemente. A este respecto, o cabeza de lista do PP sinala que “o compromiso do Goberno galego é máis que palpable co noso concello”. Por iso, agradece publicamente ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, “a súa vontade colaboradora para paliar a nula xestión do Executivo municipal”.