Partido Popular de Lugo

Katherinie Varela presenta un programa “centrado nas oportunidades” para todos os veciños e veciñas de Monforte

11, maio, 2019. A candidata á Alcaldía do PP de Monforte, Katherinie Varela, presentou hoxe na sede do PP, acompañada de parte da súa candidatura, un programa “centrado nas oportunidades” para todos os veciños e veciñas de Monforte. “Temos unha cidade con moitas oportunidades, para iso hai moito que traballar e esta candidatura comprométese a facelo”, precisa.

 

A candidata á alcaldía de Monforte deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o programa electoral co que concorre as eleccións do vindeiro 26 de maio, un documento que divulgarán entre a cidadanía. Este compromiso cos veciños e veciñas, que se desenvolve baixo o lema ‘Contigo por un Monforte mellor’, ten a finalidade de evitar o destino decadente “ao que mergullaron a nosa cidade nos últimos anos e convertela nun lugar de progreso e bonanza”.

 

Para iso, Katherinie Varela defende que a súa candidatura desenvolverá unha política baseada en facer de Monforte de Lemos “un mellor lugar para vivir para todos os grupos de cidadáns e, en conseguir recuperar o esplendor do pasado, que os mozos queiran quedarse a vivir e que os maiores teñan todo tipo de comodidades para que non se vexan na obriga de abandonar a cidade”.

 

Para acadar este obxectivo, a alcaldable explica que o seu programa electoral, no que figuran máis de medio centro de propostas, inclúe un abano de propostas que se asentan en cinco piares fundamentais que son, segundo indica, “desenvolver a economía e a demografía de Monforte de Lemos; impulsar o comercio local urbano; mellorar os servizos públicos esenciais, fortalecer as políticas sociais e potenciar o turismo e a cultura”. Estes cinco piares nos que fundamentan os populares o seu compromiso cos monfortinos e monfortinas aglutinan medidas a desenvolver tanto no casco urbano como nas parroquias, pensando nas demandas dos veciños e veciñas de todas as idades.

 

Medidas concretas do programa

Dun xeito máis preciso, a candidata do Partido Popular de Monforte resumiu as medidas que se inclúen en cada un dos eixos sobre os que xira o seu programa. Para desenvolver a economía e a demografía da cidade, os populares comprométense a liderar un Goberno local que aplique descontos fiscais, como son a redución xeral do IBI e exencións fiscais para empresarios; a crear un viveiro de empresas; a aumentar os medios de transporte para estudantes; así como a potenciar a existencia de Consellos Reguladores para impulsar o produto local, a facilitar o desenvolvemento e innovación do medio rural a través de axudas e a impulsar o Porto Seco.

 

Co obxectivo de apoiar e impulsar o comercio local, os populares defenden a necesidade de aplicar medidas como son o desbloqueo de rúas de importancia para a mellora da circulación do tráfico no centro da cidade, a creación de dous aparcamentos, promover o comercio local e evitar a proliferación de baixos baleiros e firmar acordos de colaboración para a organización de eventos que o melloren.

 

Para a mellora dos servizos públicos esenciais, consideran fundamental revisar o sistema de recollida de lixo para melloralo e conseguir un aforro significativo; mellorar tamén a rede de saneamento e abastecemento de auga, así como manter unha regularidade na limpeza de ríos e regatos. No eido deportivo, apostan por implicarse na mellora das instalacións e ofrecer axudas para potenciar as federacións deportivas e o deporte base. Fan fincapé tamén na importancia de incrementar o número de garderías e crear unha nova de xestión pública. No ámbito das infraestruturas, refiren a culminación dos enlaces do Porto Seco coa N-120 e o corredor a Lugo; a mellorar as comunicacións do polígono industrial coa cidade e a N-120 e a rehabilitar barrios e parroquias con deterioro urbano e a rúa Cardenal.

 

A creación dunha residencia para persoas da terceira idade de xestión municipal; a creación dun departamento específico para promover a integración na economía e sociedade da cidade de nenos e adultos con discapacidade e necesidades especiais e a mellora de servizos sociais para persoas maiores e persoas con discapacidade como axudas domésticas ou centros de días guiarán a pretensión do Goberno local de fortalecer as políticas sociais.

 

O quinto piar fundamental do programa electoral do PP busca potenciar o turismo e a cultura a través dunha batería de propostas como son fortalecer o Camiño de Inverno coa dotación dun local e dun albergue ou aumentar a conexión da cidade coa Ribeira Sacra. Súmanselle compromisos como son os de firmar convenios de colaboración cos Consellos Reguladores para a organización de eventos de interese turístico e cultural; a organización de festivais musicais con artistas de alto nivel e feiras gastronómicas e potenciar as festas do Entroido e crear o Entroido de Verán.

 

Por último a alcaldable lembrou que “somos un equipo de persoas de diferentes orixes profesionais” que teñen un mesmo obxectivo: “recuperar Monforte de Lemos e potenciar o seu desenvolvemento económico e demográfico”. Conclúen que “sabemos que queres o mesmo que nós, polo que o vindeiro 26 de maio, ¡vota por nós!”.