Partido Popular de Lugo

Elena Candia presenta “coa mesma ilusión pero con máis experiencia” o programa de Goberno para que Mondoñedo “continúe a avanzar”

12, maio, 2019. A actual alcaldesa e candidata do PP á Alcaldía de Mondoñedo, Elena Candia, deu a coñecer esta tarde ante os veciños e veciñas o proxecto “creado pensando en Mondoñedo” e co que concorren de cara ao próximo mandato municipal. A popular asegurou que presentan “coa mesma ilusión pero con máis experiencia” o programa para que a “cidade continúe a avanzar”.

 

Durante o acto, a popular tamén fixo balance dos últimos catro anos de Goberno e tivo palabras de agradecemento para a candidatura que a acompaña, da que destacou que “conta con experiencia, pero que ademais inclúe xente nova, que quere a Mondoñedo e cre nel e no seu futuro”.

 

A candidatura popular aporta, segundo precisou Candia, “o aval da xestión durante o último mandato cuxo balance corrobora o cumprimento dun programa electoral co que conseguimos “melloras para a nosa localidade, dotándoa de novos servizos e xerando unha imaxe en positivo, como un escenario de oportunidades”

 

Centrados nos servizos sociais, no emprego e no turismo

O programa, que se está a repartir de xeito presencial e casa a casa, presta atención aos servizos sociais, ao emprego, á industria e ao comercio, así como ao rural, á mocidade, á educación e á cultura. Sen esquecer, por suposto, os eidos deportivo, vivenda, urbanismo e medio ambiente.

 

En liñas xerais, un dos seus piares fundamentais é o dos servizos sociais, “orientado a quen máis o necesita, tanto aos nosos maiores como aos nenos”, explicou Candia.

 

A popular lembrou que durante este último mandato, “recibín con moita ilusión o logro de que se abrise o centro de día ou que se estea a dotar agora dunha Unidade de Alzheimer”. No programa electoral, “comprometémonos a ampliar a residencia da terceira idade e a posta en marcha de apartamento tutelados”.

 

Para os nenos, nestes catro anos ampliouse a gardería, creouse unha ludoteca e púxose “especial coidado no apoio á conciliación da vida familiar e laboral, polo que podemos dicir alto e claro que Mondoñedo hoxe conta con servizos nesta área”. Está tamén en funcionamento o Servizo de Atención Temperá. O noso compromiso é que este Servizo de Atención Temperá conte cun novo perfil profesional, o do fisioterapeuta; que se cree tamén un centro residencial para nenos e nenas en situación de desprotección, ademais de apoiar ás asociacións que aposten pola inclusión social.

 

No eido da administración local, a alcaldable fixo fincapé na forte aposta desenvolvida para incentivar Mondoñedo como un concello con oportunidades onde investir. Co PP no Concello, aprobouse o PXOM, que dá seguridade xurídica, tamén se promoveron axudas para o empredemento, colaborouse na tramitación e apostouse por dinamizar as instalacións sen uso, con apoio ás empresas. A popular asegura que “a nosa pretensión é a de seguir traballando neste senso, concedendo axudas e incentivos para fomentar a implantación de novas actividades tanto no polígono — sumaríanse ás dúas licenzas concedidas entre 2015 e 2019 —, como nas instalacións sen uso. Contribuiremos tamén á promoción e desenvolvemento do sector servizos e á dinamización do centro comercial”.

 

Elena Candia tamén destaca a forte aposta polo turismo. Cita, entre outras actuacións, que son unha realidade, a creación de novos recursos como é o Museo Cunqueiro. Neste eido, “traballaremos na súa posta en valor, así como na construción dun museo da imprenta, ademais de desenvolver un intenso traballo coas axencias e co sector para que Mondoñedo sexa fin de etapa do Camiño de Santiago”.

 

Comprometidos co sector primario e co rural

No programa, co que concorre a candidatura popular aos comicios do 26 de maio, tamén ten un espazo destacable o sector primario, con compromisos como o de garantir o apoio á marca Horta de Mondoñedo e ás asociacións de produtores.

 

Elena Candia implicouse durante estes últimos catro anos para dotar ao rural de máis infraestruturas. A popular citou como exemplos a posta en funcionamento do saneamento en Lousada e está en execución o de Sasdónigas e “comprometémonos a novos proxectos en algúns barrios que o soliciten”, engade. Ademais, actuouse no acondicionamento de firmes e pistas no rural en todas as parroquias e continuarase a traballar neste senso. Outro dos obxectivos do PP é que cada parroquia teño o seu local social. Neste catro anos, creouse un en San Lázaro; melloráronse o de Lindín e Sasdónigas e o de Oirán así como a escola desta parroquia; e finalizouse o de Masma. “O noso compromiso é o de mellorar o local social de Santa María Maior e crear un en Viloalle”, precisa a alcaldable.

 

Por último, no programa electoral, tamén teñen un espazo destacable a mocidade, a educación, a cultura, os deportes e o coidado do medio ambiente, entre outras accións, con facilidades no acceso á educación, máis alternativas de ocio e activades culturais, convenios coas universidades ou o impulso de campamentos para os mais novos.

 

Candidatura baixo o lema ‘Centrados en Mondoñedo’

A candidatura popular, integrada por 21 persoas, de todas as idades e profesións, pero que comparten un único lema ‘Centrados en Mondoñedo’ e defenden que “Queremos un goberno cercano e dispoñible, un goberno para todo Mondoñedo, un goberno para todos vós, cunha administración aberta e colaboradora”.

 

1. María Elena Candia López

2. Manuel Ángel Otero Legide

3. María Ángeles Rodríguez Rico

4. José Otero Rejes

5. Manuel Tapia Rivera

6. Alberto García Fernández

7. María Patricia Otero Doural

8. Beatriz Meilán Rego

9. Sabina del Pilar Allande Menéndez

10. Pascual Jesús Ares López

11. Pablo Redondas Losada

 

Suplentes:

Isidro Maseda Varela

María del Pilar Díaz Fernández

María Milagros Martínez Rivas

Marcos Candia Cuba

José Ramón Díaz Barreira

Sonia Fernández Cillero

Ana Mel López

Luciano Javier Folgueiro Lorigados

Luis Otero Pena

José Aquilino Bouso García