Partido Popular de Lugo

Óscar Rodríguez avanza que a Xunta instalará o luns un paso de peóns na parroquia viveirense de Magazos

5, maio, 2019. O candidato popular á Alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, informa de que a Xunta de Galicia ten previsto iniciar este luns a instalación dun paso de peóns na estrada LU-540 á altura da parroquia de Magazos.

 

Concretamente, os veciños e veciñas de Valdeflores e Bimbial teñen demandado un paso de peóns entre o hipermercado Gadis e o Hostal Vigo ante a gran afluencia de persoas na zona que se ven obrigadas a cruzar a estrada. A vía, de titularidade autonómica, é moi transitada por vehículos que discorren a gran velocidade.

 

Tendo en conta que “é mellor previr que lamentar”, os populares interesáronse por dar traslado a esta petición. Dende o PP de Viveiro entenden que “a instalación dun paso de peóns contribúe a mellorar a seguridade de todos aqueles que transitan habitualmente polo lugar onde se sitúan establecementos que visita gran cantidade de público como son un hipermercado e un hostal-restaurante, ademais dunha moblería”.

 

O alcaldable popular de Viveiro agradece que “a Xunta que preside Feijóo teña en conta as peticións do PP de Viveiro e, especialmente, esta demanda que xorde dos nosos veciños e veciñas da parroquia de Magazos preocupados pola súa seguridade”.