6, maio, 2019. Monforte de Lemos é o Concello máis beneficiado polas axudas da Risga da Xunta de Galicia na zona sur, e tamén de toda a provincia, ao recibir 307.269 euros para a contratación de 20 persoas que realizarán labores como peóns durante un período de 9 meses.
En total, son dez as entidades locais da zona sur da provincia –Monforte de Lemos, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Pantón, O Saviñao, A Pobra do Brollón, Carballedo, Chantada e O Incio- as que se acolleron a esta iniciativa e reciben máis de 600.000 euros.
Trátase “de importantes fondos”, segundo destacan os populares destes municipios, pois, “grazas á colaboración do Goberno de Feijóo que sufraga os costes de contratación –salario e Seguridade Social- ao 100% para un máximo do 75% da xornada laboral”, 46 persoas en risco de exclusión social que son perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) poderán incorporarse a un emprego.
O importe que recibe por parte do Executivo galego o Concello de Chantada ascende a preto de 52.000 euros para a contratación de 5 persoas perceptoras da Risga e O Saviñao recibe preto de 57.300 euros para a contratación doutras 5 persoas. O Concello de Quiroga ten asignado un orzamento de preto de 52.000 euros para a contratación doutros 5 traballadores e o de Sober tamén se ve beneficiado de algo máis de 25.000 para a contratación de 2 persoas e o de Pantón poderá contratar tamén a 2 persoas en risco de exclusión social cunha achega de 19.950 euros. A Pobra de Brollón, Carballedo e O Incio tamén solicitaron a contratación de 2 traballadores para o que reciben máis de 19.000, 24.000 euros e 23.000 euros, respectivamente. Finalmente, Ribas de Sil ten outorgado máis de 10.000 euros para a contratación dun peón de limpeza.
“Cremos que debemos poñer en valor estas axudas. Non só permiten que se contraten persoas que de por si teñen problemas para acceder a un emprego, senón que os propios Concellos dispoñen así de máis persoal para prestar un mellor servizo aos cidadáns”. E é que os perfís dos contratados son fundamentalmente peóns, encargados e oficiais.